Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG de Ribadeo que o PP da Mariña defende que Feijoo paralizara o sector eólico.

Nota de prensa

O PP da Mariña defende que Feijoo paralizara o sector eólico.

Resulta curioso comprobar como algúns partidos políticos empregan as presentacións en sociedade dalgúns dos seus candidatos para defender o indefendible. Ao mesmo tempo que o PP de Ribadeo nos daba a coñecer aos seus candidatos terceiro e cuarto, acusaron ao BNG de Ribadeo de mentir ao reprocharlle ao señor Feijoo que deixara fóra do concurso eólico a “Ventos Cooperativos”.

Pois ben: señores do PP de Ribadeo, de toda A Mariña. Non defendan o inxustificable. O señor Feijoo causou un grave dano á economía do país: derrogou un decreto eólico sobre o que se dixeron mil e unha mentiras e sobre o que o TSXG botou luz: era totalmente legal.

Cando desde o PP din que a derrogación do anterior decreto eólico foi provocada por un ditame do Consello Consultivo por ver nel “gravísima ilegalidade” hai que responder que iso é falso. O Consello Consultivo suxeriu modificacións ao anteproxecto de decreto eólico, modificacións que foron incorporadas na redacción definitiva do Decreto.

Foi o señor Feijoo, e polo que se ve co aplauso do PP da Mariña, e tamén do PP de Ribadeo e do señor Valín, quen botou abaixo moitos proxectos industriais vinculados á adxudicación eólica clara e transparente feita pola Consellaría de Industria dirixida por Fernando Blanco. Agora, co novo decreto do goberno Feijoo, non está nada claro o futuro dos proxectos industriais que deberían acompañar á adxudicación dos megawatios. Cren vostedes que pode ser considerado serio un proxecto que contén como gasto por traballador 6000€ ao ano? 500€ ao mes (sen contar extras e pagando con iso tamén os seguros, cota obreira, etc)? Vaia chambonada de proxectos!

Señor Valín, señor Balseiro, señores do PP de Ribadeo e da Mariña: recapaciten. Esta comarca perdeu a ocasión de ver como unha cooperativa, punteira e exemplar a nivel galego, levara adiante un proxecto serio, rigoroso e con capacidade de xeración de traballo. O señor Feijoo truncou o liderado do noso país no sector eólico e déixao ante unhas expectativas moi escuras: perdéronse ata 3000 postos de traballo no sector pola paralización do mesmo; as indemnizacións ás empresas agraviadas poden chegar ata os 300 millóns de euros. Ou cren que os afectados van quedar quedos e caladiños despois da sentenza do TSXG?

Pero nestes momentos en que todos deberiamos dar a coñecer os nosos proxectos para o próximo mandato municipal, algúns están dedicando os seus esforzos a defender auténticos atropelos. Acaso o señor Valín vai adoptar a mesma postura cando teñamos que reclamar o centro de día para enfermos de alzheimer na reitoral de Ove, a gardaría infantil ou o albergue de peregrinos? Vai buscar tamén subterfuxios para desculpar a non realización destes proxectos vitais para Ribadeo?

Exit mobile version