Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita a conservación da rede autonómica de estradas na provincia de Lugo para os próximos catro anos

Nota de prensa:
A XUNTA LICITA EN 34,1 MILLÓNS DE EUROS A CONSERVACIÓN DA REDE AUTONÓMICA DE ESTRADAS NA PROVINCIA DE LUGO PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS

* A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explica que esta actuación incluída no Plan MOVE “manterá o estado das vías nas debidas condicións de vialidade e seguridade”

Lugo, 11 de abril de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou a licitación de dous contratos por importe global de 34.172.069 euros para garantir os traballos de conservación da rede autonómica de estradas na provincia de Lugo durante os vindeiros catro anos.

Estes contratos, correspondentes ás zonas norte e sur da provincia, inclúen tanto a conservación ordinaria como o mantemento da vialidade invernal, de xeito que contempla unha xestión integral das estradas que comprende dende o mantemento das condicións estruturais do firme ata reparacións ou reposicións urxentes en casos puntuais de todos os elementos de equipamento das vías, derivadas de causas naturais ou de accidentes.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que o Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica) recolle este programa específico de mantemento e conservación, que pretende actuar sobre a rede viaria para “manter o estado das estradas nas debidas condicións de vialidade, seguridade e comodidade”.

Arias destacou o esforzo inversor que realiza o Goberno autonómico ao poñer en marcha estes contratos para o conxunto de Galicia, por un importe total de 110,2 millóns de euros, se ben incidiu na necesidade de “preservar e mellorar” a rede de estradas autonómicas, “da que dependen dende un aspecto fundamental como a seguridade do tráfico ata a actividade económica local”.

Polo que respecta á provincia de Lugo, o contrato para a conservación viaria da zona norte da provincia ten un orzamento de licitación de 16.280.826,78 euros, IVE incluído, mentres que o da zona sur ascende a 17.891.242 euros. En ambos casos tramítanse como contratos de obra polo procedemento aberto, e o prazo de admisión de ofertas remata o día 28 de maio.

O prazo concreto de execución é de 48 meses a partir da adxudicación, e xa está prevista dotación orzamentaria para este mesmo exercicio. Así, as previsións de gasto ascenden a 1.358.270 euros no 2011, 7.705.850 euros no 2012, 8.977.100 euros e 8.108.930 nos anos 2013 e 2.14 respectivamente, e por último 8.021.918,78 euros no 2015.

Exit mobile version