Nota de prensa:
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo lanza unha campaña de promoción e difusión do mundo do mar
O próximo martes 12 de abril preséntase na Confraría de Pescadores de Celeiro a nova campaña de promoción e difusión sobre a importancia do sector pesqueiro na Mariña de Lugo. Esta actividade está organizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo en colaboración coa Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
A campaña consiste nunha exposición itinerante que percorrerá quince concellos da provincia de Lugo entre os meses de abril e xuño, pasando polos concellos de Viveiro, Xove, San Ciprián, O Vicedo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Chantada, Monforte, Quiroga, Sarria e Vilalba, rematando na cidade de Lugo.
A exposición visitará concellos tanto de costa como de interior, e vai dirixida ao público en xeral, con especial atención ás visitas concertadas de centros escolares de cada comarca. O seu obxectivo é o de difundir o traballo que se realiza nas seis confrarías de pescadores da Mariña de Lugo: coñecer as principais artes de pesca que se empregan, as especies máis características dos nosos portos, as tradicións, oficios e, por suposto, a nosa cultura mariñeira.
A mostra está composta dunha serie de paneis organizados en tres mixes: o traballo no mar (oficios do mar, artes de pesca, principais especies); o papel das confrarías na sociedade (as confrarías como motor sociocultural, a importancia das mulleres no sector, a baixura no tecido produtivo); e o mar e a cultura (influencia do mar na cultura local, festas mariñeiras, festas gastronómicas).
A Federación de Confrarías de Lugo comprácese en convidar aos medios de comunicación á presentación desta campaña o próximo martes 12 de abril ás 13h no Salón de Actos da Confraría de Celeiro.
Ao acto de inauguración desta exposición está previsto que asistan o Delegado Territorial da Consellería do Mar, D. Vicente Prieto González, o Xefe de Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, D. Lino Lema Bouzas, así como representantes das seis confrarías de pescadores da provincia de Lugo e outros representantes do sector pequeiro.