Nota de prensa
O Barco Muralla de Lugo súmase ós atractivos da feira das Quendas de Mondoñedo
– Estará amarrado na rúa Marina Mayoral da cidade entre o sábado e o luns e poderá visitarse en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:30
– O festexo da cidade episcopal, con máis de 400 anos de historia, reúne a centos de veciños da comarca da Mariña e do resto de Lugo
As Feiras e Festas das Quendas reúnen cada ano na cidade episcopal a centos de veciños da comarca mariñana e do resto da provincia. A feira de gando e a Festa da Empanada, que chega neste 2011 á súa 28ª edición, son os principais ingredientes deste festexo, no que tamén haberá funcións de monicreques e de teatro, e verbenas a cargo de orquestras de sona. A programación arranca o sábado co típico desfile das raíñas das festas e o pregón, que nesta ocasión corre a cargo do mindoniense Francisco Piñeiro González, mestre, escritor e fundador de varios grupos teatrais da Mariña.
A construción do Barco Muralla de Lugo forma parte do programa medioambiental Lug02, promovido pola Deputación e dotado de 5 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. Foi construído por unha empresa de Burela e pintado en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.