Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Educación autorizou a inclusión no rexistro da escola de música de Xove

Nota de prensa

REXISTRADA NA XUNTA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE XOVE

No DOG de hoxe 13 de abril ven unha Orde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se autoriza a inclusión da Escola de Música Municipal de Xove (Lugo) no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

Trátase dun proceso de profesionalización da Escola que comezou hai uns anos coa estructuración da mesma, proceso no que se estivo traballando ata conseguir este rexistro, que consideramos importante xa que nos pon a altura doutras escolas.

O proceso comezou coa separación formal da Orquesta da Escola de Música, pasando a Orquesta a depender da Asociación Prestoxove. O seguinte paso foi a regulación da propia escola, para o cal o Concello sacou unha ordenanza municipal. Todo este proceso foi acompañado dunha profunda reestruturación do antigo Colexio de Palmeiro, lugar onde ten a súa sé a Escola.

O Concello, cuns investimentos moi importantes, procedeu á reforma completa das instalacións, que incluiron: renovación completa dos tellados, dotación dunha nova instalación eléctrica, cambio e mellora de portas e fiestras e, algo moi importante, como é a instalación de elementos de seguridade, como por exemplo apertura dunha saída de emerxencia; mellorouse tamén a accesibilidade das instalacións, dende as aulas ata os servicios sanitarios, adaptándoos para as persoas con minusvalías, todo co fin de cumprir tódolos requisitos esixidos pola Consellería de Educación para poder rexistrar a Escola.

COPIA DA ORDE DE REXISTRO:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

Orde do 11 de marzo de 2011 pola que se autoriza a inclusión da escola de música municipal de Xove (Lugo), no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Concello de Xove solicita a inscrición da escola de música municipal no Rexistro de Escolas de Música e

Danza da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade coa Orde do 11 de marzo de 1993, que regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de realizar os trámites que establece a normativa vixente, a xefatura territorial desta consellería, de Lugo, achega o expediente cos correspondentes informes.

Cumpridos todos os trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Autorizar a inclusión no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia da escola de música municipal que se sinala:

Provincia: Lugo.

Concello: Xove.

Localidade: Xove.

Domicilio: Camiño Real, s/n, CP 27870.

Código do centro: 27020872.

Titular: Concello de Xove.

Denominación: Escola de Música Municipal de Xove.

Segundo.-Esta escola queda sometida ao réxime de escolas de música e danza, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993 e aos servizos de inspección correspondentes.

Terceiro.-O centro deberá solicitar a oportuna revisión da inscrición cando teñan que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co

artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Exit mobile version