Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Cultura da Deputación investirá 880 mil euros en acondicionar edificios singulares da provincia

Nota de prensa

A ÁREA DE CULTURA INVESTIRÁ 880.000 EUROS NO ACONDICIONAMENTO E POSTA EN VALOR DE EDIFICIOS SINGULARES DA PROVINCIA DE LUGO

Realizaranse obras nos Museos da Rede Museística, no cárcere de Sarria, na sala de exposicións de Porta Miñá, na escola habanera de San Miguel de Reinante e o Círculo das Artes

LUGO, 1 de abril de 2011. A Área de Cultura da Deputación vai poñer en marcha un plan de acondicionamento e posta en valor de edificios singulares na provincia de Lugo. Este plan farase con cargo aos fondos procedentes dos remanentes do orzamento da Deputación de Lugo, que foron aprobados no pleno da entidade provincial o pasado 29 de marzo, e a partida económica aprobarase definitivamente no pleno do mes de abril. A achega total será de 880.000 euros, que se reparten en obras que terán lugar no Museo de Lugo, no Pazo de Tor (Monforte), no Museo do Mar de San Cibrao (Cervo), o cárcere de Sarria, a sala de exposicións de Porta Miñá (Lugo), a escola habanera de San Miguel de Reinante (Barreiros), e o Círculo das Artes (Lugo).

Nos Museos da Rede Museística realizaranse obras de mellora das instalacións que xa están en uso, e tamén de acondicionamento de novos espazos. No Museo de Lugo, levarase a cabo unha intervención para consolidar a estrutura do claustro, e outra obra que terá por obxectivo a mellora da iluminación e o sistema de rego dos xardíns, cun orzamento total de 100.000 euros. O continuo incremento de fondos e as limitacións de espazo obrigaron, en 1957, a trasladar o museo do Pazo de San Marcos ao antigo convento de San Francisco. Conservando tres dependencias deste vello cenobio (cociña, claustro e refectorio), o arquitecto vigués Manuel Gómez Román (1875-1964) deseña un novo edificio con aires de pazo galego. O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1997 o museo foi ampliado, segundo un proxecto do arquitecto González Trigo. Na actualidade, o Museo está preparando as actividades que se celebrarán con motivo do 80 aniversario desta declaración do mesmo como B.I.C.

No caso do Museo do Mar de San Cibrao, achegaranse 190.000 euros para realizar obras de ampliación do centro. A área de cultura da Deputación incluiu, neste plan de posta en valor de edificios singulares, unha partida de 190.000 euros destinados á ampliación do Museo do Mar de San Cibrao. A ampliación deste edificio, propiedade do Concello de Cervo e cedido á Deputación de Lugo para a súa xestión, ven sendo unha demanda continuada dende hai anos. Esta partida económica servirá para comenzar o proceso de ampliación do edificio e é materialización do compromiso, manifestado en diversas ocasións, do actual gobernó da Deputación para executar esta obra.

Este Museo creouse no ano 1969 a D. Francisco M. Rivera Casás, gran coleccionista de obxectos mariños, que exerceu a súa profesión de mestre desde 1934 ata 1982 en San Cibrao combinándoa con ensinanzas marítimo-pesqueiras. Dende 1994 da Asociación de Veciños “Cruz da Venta” de San Cibrao ocupouse da xestión do Museo ata que, no ano 2004, a Deputación Provincial de Lugo se fixo cargo da súa dirección a través do Museo Provincial de Lugo.

A sala de exposicións Porta Miñá de Lugo é un museo arqueolóxico onde se mostra a historia da cidade de Lugo dende a orixe ata o declive, centrándose na época romana como Lucus Augusti, o tipo de vida das xentes da época e a edificación da Muralla. Este edificio que albergou o antigo matadeiro da cidade é de propiedade municipal e a Área de Cultura da Deputación aportará un total de 25.000 euros para contribuír ao desenvolvemento das obras que o concello realice neste edificio singular.

O pazo de Tor, situado no concello de Monforte, será outro dos obxectivos deste plan de recuperación e posta en valor de edificios singulares. Data do século XVIII e nel acometeranse as obras de iluminación e acondicionamento ambiental dos alpendres, algo que permitirá musealizar estes espazos e trasladar, a un deles, os fondos da biblioteca do Pazo. Tamén se acometerán accións de conservación na carpinetería exterior do edificio. Estes alpendres, que xa foran rehabilitados nunha fase anterior, estarán destinados a albergar unha colección de carruaxes e albardeiría existente no Pazo. O investimento total ascenderá a un total de 190.000 €.

Outro dos investimentos terá como obxectivo o acondicionamento do Cárcere de Sarria: un edificio que se converterá nun lugar de valorización e recuperación das tradicións populares e acollerá diversas actividades culturais. Tras o remate das obras de acondicionamento e adaptación do edificio, que xa foran financiados dende a área de deporte da Deputación, cun orzamento próximo aos 141.000 euros, acometerase agora o proxecto museográfico para dotar de contido este museo. O investimento será realizado pola Área de Cultura da Deputación con 100.000 euros. Esta achega provirá dos fondos procedentes do plan de conservación e posta en valor de edificios singulares impulsado pola área de Cultural da Deputación de Lugo. A recuperación deste edificio suporá un importante valor engadido para a vila de Sarria xa que se atopa en pleno percorrido do Camiño de Santiago.

Por outra banda, o edificio que alberga o Círculo das Artes de Lugo tamén contará coa colaboración da Área de Cultura, que achegará 75.000 euros para realizar obras de mellora dos espazos do edificio lucense atendendo ao valor histórico que ten para a cidade de Lugo. O arquitecto Luis Bellido realizara a obra no século XIX, e a construción estivo valorada en 87.000 pesetas das da época. Foi inaugurado o día 12 de decembro de 1.898 e dende aquela supón unha das edificacións máis senlleiras da cidade, acollendo múltiples actos culturais dende hai máis de cen anos.

Dentro do plan programado pola Área de Cultura inclúese tamén a rehabilitación integral do edificio da Escola Habanera de San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, un edificio de comezos do século XX. Esta escola habanera ten forma de U, e unha das alas do edificio converterase en sala multiusos que permitirá a realización de exposicións, obradoiros e outras actividades culturais. A outra ala do edificio habilitarse como salón de actos, e a parte frontal da escola terá, na súa planta alta, oficinas destinadas a asociacións culturais. Tamén se recuperará o xardín de tipo indiano que existía no patio interior do recinto. Para a recuperación desta escola a área de cultura da Deputación aportará un total de 200.000 euros.

Esta escola foi construída a comezos do século XX pola Sociedad de Hijos de San Miguel y Reinante en La Habana de Instrucción y Recreo. Esta sociedade, fundada en 1908, disolveuse na Habana dos anos 60 quedando integrada no actual Centro Gallego de La Habana. O edificio pasou a mans do concello de Barreiros, que asume a titularidade da escola a través da súa inclusión no inventario municipal de bens.

Exit mobile version