Nota de prensa
O CONCELLO ADECENTARÁ OS CAMIÑOS DA VILA E AXARDINARÁ AS ZONAS QUE O PRECISEN AO LONGO DOS VINDEIROS DÍAS, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR ALFREDO LLANO.
Burela, 8 de marzo de 2011. O Concello adecentará os camiños da vila e axardinará as zonas que o precisen. Será co traballo que realizarán os xardineiros municipais e os contratados a través do programa Lugo Emprega .
O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “unha das consecuencias que terá Burela debido á incorporación de 22 traballadores para o noso concello é que vai mellorar substancialmente en moitos aspectos. Hai que ter en conta que unha das partes que nós contratamos son catro xardineiras, que unidas ás que xa hai, van desenvolver un traballo que se vai notar. De feito, xa está notando cómo están a mellorar as zonas axardinadas, as zonas que hai que segar”.
O rexedor anunciou que “dentro duns días imos facerlles frente a todos os camiños e a todas os lugares onde se precise a presencia destes traballadores para adecentar, colocar e axardinar, de tal xeito que a presentación cara os veciños e cara quen nos visite sexa o máis bonita posible. Tanto a presencia dos xardineiros como o resto dos traballadores do Lugo Emprega será moi interesante para Burela
Historia das mulleres de Galicia
Llano asistiu onte en Santiago á presentación do libro Historia das mulleres de Galicia, da que é coautora a profesora de Burela Herminia Pernas. O alcalde contou que “onte desprazéime a Santiago para participar nun acto institucional ao que fun convidado e que estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Fun porque se presentaba o libro Historia das mulleres de Galicia, que ten varios tomos, cada un deles representando unha etapa da historia, da antigua, da moderna e da contemporánea, que lle toca a unha profesora de Burela, a Herminia Pernas”. O alcalde engadiu que “esta proxección é importante para o noso concello porque esta profesora está a traballar neste proxecto. Dentro duns días tentaremos facer tamén nós unha presentación oficial aquí en Burela”.