Site icon Crónica3.com A Mariña

Someten a información un novo proxecto de acceso ao porto de Burela cun custe de 8 millóns de euros

Nota de prensa

O Goberno galego investirá 8 millóns de euros na execución deste proxecto

A XUNTA SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA O NOVO PROXECTO DE ACCESO AO PORTO DE BURELA E DESBLOQUEA UNHA ACTUACIÓN QUE LEVA CASE CATRO ANOS PARALIZADA

* O novo trazado mellora o anterior porque se adapta ao planeamento urbanístico e opta por cruzar a liña de FEVE baixo a vía
* Ademais, a actuación terá un menor impacto visual e paisaxístico xa que o trazado irá practicamente en desmonte en lugar de discorrer por terraplén.
* O departamento autonómico é consciente da relevancia de mellorar este acceso, xa que o porto de Burela é un dos de maior volume de operacións dentro dos portos adscritos á Comunidade Autónoma de Galicia
* O novo vial terá 1,2 km e enlazará a Avenida Arcadio Pardiñas coa Avenida da Mariña na zona portuaria, á altura da nova lonxa.
* En relación a estruturas, o proxecto contempla a disposición dun paso inferior baixo o FEVE e muros para contención do vial e estabilizar os taludes
* O presente proxecto beneficiará directamente aos máis de 9.500 habitantes do Concello de Burela

Santiago, 9 de marzo de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete ao trámite de información pública o novo proxecto de acceso ao porto de Burela. Tamén se publica a relación de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

O Goberno galego, mediante a publicación desta resolución no DOG, avanza nos trámites precisos para a execución desta infraestrutura, desbloqueando esta actuación tras catro anos paralizada. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, realizará unha achega económica de máis de 8 millóns de euros para a execución deste proxecto.

O expediente de adxudicación dos traballos para a redacción do proxecto de trazado e construción do acceso ao porto de Burela iniciouse en marzo de 2006. A Xunta convocou un concurso aberto para a contratación da actuación, adxudicándose finalmente a UTE Comsa S.A- Asogal Construcciones S.L en 2007. Este proxecto inicial, sen embargo, incumpría o planeamento vixente, polo que foi obxecto dun recurso que paralizou as obras.

Co obxectivo de resolver estes inconvintes, o novo proxecto elaborado pola actual consellería mellora o anterior porque se adapta ao planeamento urbanístico e opta por cruzar a liña de FEVE baixo a vía (no proxecto orixinal realizábase con paso superior). Ademais, a actuación terá un menor impacto visual e paisaxístico xa que o trazado irá practicamente en desmonte en lugar de discorrer por terraplén.

Descrición do proxecto

O actual acceso á  zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e a perigosidade que isto supón tanto para os usuarios do peirao como para o propio núcleo de Burela. O Goberno galego é consciente da relevancia de mellorar este acceso, xa que o porto de Burela é un dos de maior volume de operacións dentro dos portos adscritos á comunidade autónoma de Galicia.

Co desenvolvemento destas definirase un viario que permitará unha nova canalización do tráfico rodado derivado da actividade que produce o porto de Burela, onde se facilitará e axilizará o tránsito pesado a dito porto, reducindo os riscos e distorsións ambientais que conleva o paso deste tipo de vehículos polo casco urbano.

O novo vial enlazará  a Avenida Arcadio Pardiñas coa Avenida da Mariña na zona portuaria, á altura da nova lonxa.

O novo vial ten a súa orixe no pk 0+000 e finaliza  no pk 1+260, tendo unha lonxitude de 1,2 km. O novo acceso discorre entre o acantilado e a liña do FEVE, cruzándoa aproximadamente no pk 0+920. A infraestrutura conta cunha sección transversal con dous carrís de 3,50 metros e dúas beiravías dun metro.

A zona obxecto das obras correspóndese cuns terreos pouco accidentados, que están limitados ao este por un acantilado dun 30 metros de altura e ao suroeste pola liña de FEVE.

A obra discorre fundamentalmente en desmonte, excepto no tramo final onde a glorieta na intersección coa Avenida de Arcadio Pardiñas supón un recheo de pouca entidade.

A xeometría da estrada está totalmente condicionada pola orografía da zona e a presenza da liña do FEVE, de tal xeito que o vial proxectado está completamente encaixado entre o acantilado e a liña de ferrocarril.

No que se refire a estruturas, o proxecto de acceso comprende as seguintes:

* Paso inferior baixo o FEVE. Sitúase entre os pk 0+856 e 0+946
* Muros pantalla de pilotes entre os pk 0+821 e 0+856 e entre os pk 0+946 e 0+980, como prolongación do paso inferior baixo a liña do FEVE para evitar que os derrames de terras invadan a liña
* Muro pantalla de pilotes anclados ao terreo entre os pk 0+450 e 0+510, para contención do propio vial
* Muro pantalla de pilotes anclados ao terreo entre os pk 1+060 e 1+120, para evitar a afección á estrada nacional
* Muros de escollera en zonas puntuais para garantir a estabilidade de taludes

As unidades principais de obra centraranse na escavación de 169.621 metros cúbicos e o estendido de mestura bituminosa en quente. O proxecto tamén inclúe traballos de restauración e acondicionamento paisaxístico, restauración de patrimonio histórico, drenaxe lonxitudinal e transversal e sinalización horizontal e vertical.

O presente proxecto beneficiará directamente a unha poboación de máis de 9.500 habitantes do Concello de Burela. A poboación vese incrementada debido ao emprego que xera o porto e a afluencia turística que se xera sobre todo na estación de verán.

Exit mobile version