Site icon Crónica3.com A Mariña

Silvia Estévez, Cuchi, non remata a tempada co Burela FSF Pescados Rubén por motivos familiares

Nota de prensa

CUCHI CAUSA BAIXA NO VESTIARIO LARANXA POR MOTIVOS FAMILIARES

A ala-peche Silvia Estévez, Cuchi, non rematará a tempada co Burela FSF Pescados Rubén por motivos familiares. A xogadora viguesa asinou esta mesma mañá a rescisión do contrato que a vinculaba ao club laranxa.

Este era o terceiro exercicio de Cuchi defendendo a elástica burelista. Procedente do Olivo FPR de Vigo, a futbolista chegou ao conxunto mariñán en 2008-09 no seu primeiro ano de competición, estreándose na División de Prata. Silvia Estévez contribuíu cun meritorio labor á historia do Burela FSF participando nos seus episodios máis importantes, como o ascenso a Honra (2008-09), o dobrete da Copa Galicia (2009 e 2010) e a clasificación para a Copa de España (2010).

Cuchi despediuse da Mariña manifestando a súa tristura. “Despois destes tres excelentes anos dáme pena deixar Burela pero as circunstancias fixéronme decidirme a aparcar a miña carreira futbolística para estar máis preto da casa”. Pola súa banda, a xunta directiva da entidade laranxa quixo expresar o seu apoio á xogadora e agradecerlle a implicación e compromiso co proxecto.

Exit mobile version