Site icon Crónica3.com A Mariña

Presenta en Foz o libro de Francisco Rodriguez “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria”

Nota de prensa

Francisco Rodríguez presenta en Foz o Venres o seu último libro sobre Rosalía de Castro.

A Asociación Socio Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación Cultural “A Pomba do Arco” vai presentar o vindeiro venres 18 de Marzo a partir das 20:15 no Salón de Actos do Cenima de Foz o libro “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria” no que participara o autor do mesmo Francisco Rodríguez.

Segundo explicou o Presidente da Pomba do Arco, Xoán R. Fernández Pacios, que acompañará a Rodríguez na presentación “este acto enmárcase no interese da nosa Asociación e do movemento cultural da Mariña en divulgar a figura de Rosalía de Castro na súa plenitude, fora de tópicos e estereotipos, fuxindo da terxiversación e situando a súa producción literaria na súa realidade social”.

Neste acto abordarase a idea de que a obra literaria de Rosalía é un todo, como demostra no seu libro Francisco Rodríguez, un todo onde a Rosalía, patriota, anticapitalista ou feminista non se pode illar da realidade política daquela Galiza da segunda metade do século XIX, a Galiza da Revolución do 46, a Galiza dos provincialistas e moi particularmente daquela xeración do Banquete de Conxo da que formaba parte con Murguía, con Pondal ou con Aguirre.

O Presidente da Pomba do Arco engadiu que “Rosalía segue a ser unha grande descoñecida para nós a pesar de tratarse da figura senlleira da nosa literatura, e singular dentro do conxunto das letras peninsulares. A súa obra tanto en galego como en español é unha fonte que nunca se esgota e neste sentido a nosa intención e animar ao seu coñecemento que non é nin máis nin menos que a súa lectura. É hora de achegarse a Rosalía sen prexuízos”.

Non é a primeira vez que Francisco Rodríguez aborda un tema da nosa cultura e do noso País. Lembramos aquel primeiro traballo sobre Curros a principios dos 70, ou aquela outra obra chave da nosa socialinguística como é “O conflicto linguístico”, pasando por ese ensaio central para entender o noso feito nacional como é “Problema nacional e colonialismo.O Caso Galego”, ou os seus traballos sobre a Idade Media. Tampouco podemos esquecer a súa amplía obra no campo ensaístico que alén dos autores e temas tratados abren un novo xeito de entender e interpretar a nosa cultura, afirmou o Presidente da Pomba do Arco.

A Asociación Cultural A Pomba do Arco e a A Asociación Socio Pedagóxica Galega convidan a tódo-los veciños de Foz e da Mariña a que acudan ao acto de Francisco Rodríguez a fin de coñecer mellor a figura de Rosalía e a súa importancia na nosa cultura.

Exit mobile version