Nota de prensa:
OS ORZAMENTOS DE BURELA PARA 2011 ASCENDEN A 6.200.000 EUROS, O QUE SUPÓN UN INCREMENTO DO 1’66% CON RESPECTO AOS DO ANO PASADO. ALFREDO LLANO DI QUE SE AXUSTAN Á REALIDADE E QUE GARANTEN A PRESTACIÓN DE TODOS OS SERVIZOS FUNDAMENTAIS AOS VECIÑOS.
Burela, 1 de marzo de 2011. Os orzamentos de Burela para 2011 someteránse a aprobación inicial no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro xoves ás oito da tarde. Os presupostos ascende a 6.200.000 euros e supoñen un incremento do 1’66% con respecto aos do ano pasado, segundo informaba este mediodía o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor sinalou que “na sesión do xoves tamén aprobaremos a constitución da mesa local de comercio, xa fixemos as xestións pertinentes, xa se procedeu á elección do membro do sector comercial que formará parte como vocal e tamén haberá outro representantes da asociación de amas de casa e consumidores”. Sobre os orzamentos de 2011 dixo que “se repetirán máis ou menos as cifras do ano pasado. No 2010 os presupostos foron de 6.112.000 euros e neste 2011 chegamos aos 6.200.000, o que supón unha suba do 1,66%”. Alfredo Llano manifestou que “a merma de aportacións de impostos directos e indirectos é posible que se produza, polo tanto hai que axustar os presupostos á realidade de Burela e tentar de mellorar servizos aforrando capital. Do que se trata é de facer uns orzamentos que sexan garantía de que o Concello funcione, pero ao mesmo tempo tendo moito coidado no montante total”.
O alcalde de Burela déulles a coñecer estes datos á mesa de negociación do Concello, “expliquéilles como fixemos os orzamentos e díxenlles que están garantizados todos os gastos de carácter social, os anticipos de persoal, o plan de pensións e todos os aspectos que se regulan no convenio. En definitiva tratamos de garantir todos os servizos fundamentais para o noso concello e de non mermar os servizos sociais que se aplican ao noso persoal”.
Noitebús
Alfredo Llano lembrou que o vindeiro 10 de marzo manterá un encontro con outros nove alcaldes da Mariña “para falar da unidade de drogodependencias e da súa financiación. É un servizo compartido e polo tanto debemos compartir os gastos”. O rexedor aproveitará este encontro para falar do Noitebús, “un servizo que funcionou na Mariña, pero co que xa non contamos. Quero convencer aos alcalde para insistirlle á Xunta en que se faga cargo deste servizo tan importante para a nosa comarca, e en caso de que a Xunta non acceda a formalizar un contrato coas empresas que prestaban dito servizo poidan ser os concellos os que promovan e impulsen este Noitebús, moi beneficioso para garantir seguridade e ambiente en diferentes puntos da Mariña”.