Nota de prensa:
ISMAEL REGO QUERE COÑECER SI A XUNTA TEN APROBADO ALGÚN PROXECTO PARA O DRAGADO DA ENTRADA AO PORTO DE FOZ (LUGO)
-O deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego denuncia que se adxudicou a unha empresa esta obra de dragado nun proxecto descoñecido ou inexistente, que non foi remitido ao concello nin solicitada licencia, nin sequera comunicado o inicio das obras
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2011. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego anunciou hoxe que rexistrou unha iniciativa na Cámara Autonómica na que reclama explicacións á Xunta sobre si ten aprobado o Goberno galego algún proxecto para o dragado da entrada ao porto de Foz.
O deputado socialista sinala na iniciativa que o dragado do porto de Foz é unha necesidade obxectiva para posibilitar a súa utilización que na actualidade sufre graves limitacións para a entrada de todo tipo de embarcacións. Di que esta limitación supón sen dúbida unha minoración do aproveitamento da infraestructura portuaria para a actividade pesqueira e turística da zona.
Con todo a radicación do porto no centro do enclave urbano de Foz fai imprescindible que o proxecto para a realización do dragado conte con esa realidade de radicación e as súas consecuencias, especialmente de levarse a cabo desde terra polo impacto que supón o amoreamento de grandes cantidades de area e lama no contorno de vivendas habitadas, e o paso dun gran número de camións de gran tonelaxe polo centro do casco urbano, algo que cando menos debería concertarse coas autoridades locais, para tentar minimizar as molestias para os cidadáns do concello e evitar situacións de deterioro da imaxe dun concello turístico como é o de Foz en datas máis que sinaladas para este sector.
Asegura que tampouco estaría demais que en función do cumprimento da legalidade vixente o proxecto fose remitido ao concello por parte da Xunta non só para coñecemento deste senón tamén para a solicitude e outorgamento no seu caso da preceptiva licencia municipal de obras como establece a propia lexislación, e que tanto a Xunta como o concello non só teñen que cumprir senón tamén facer cumprir a todos os cidadáns aínda que sexan nomeados a dedo para o desempeño dunha finalidade concreta durante un tempo que nin é ilimitado nin os converte en inmunes ao cumprimento da lei ou ordenanzas municipais.
Pero denuncia que nada disto se fixo, pola contra adxudicouse a unha empresa esta obra de dragado nun proxecto descoñecido ou inexistente, non foi remitido ao concello nin solicitada licencia, nin sequera comunicado o inicio das obras. O que supuxo que de repente aparecese unha empresa facendo un socabón para unha balsa, suponse que para o almacenamento de lama nunha zona axardinada no paseo marítimo, arrancando árbores e cortando servizos municipais como a auga, pasando con máquinas de gran tonelaxe por rúas limitadas para 3 toneladas, etc.
Pregunta oral en comisión
Por isto todo Rego rexistrou unha pregunta en comisión pola que quere coñecer;
1.ª) Ten aprobado o Goberno galego algún proxecto para o dragado da entrada ao porto de Foz?
2.ª) De existir, foi remitido o proxecto ao Concello de Foz para coñecemento, solicitude e outorgamento da preceptiva licenza de obras?
3.ª) Cal é o orzamento total do proxecto
4.ª) Que método de dragado e traslado de lama e area contempla o proxecto?
5.ª) Cal é o modelo utilizado para a adxudicación das obras e a súa contía económica
6.ª) Autorizou o Goberno galego as actuacións realizadas pola empresa adxudicataria no centro urbano de Foz sen mediar sequera comunicación ao Concello?
7.ª) Ten previsto o Goberno galego seguir adiante coas obras sen remitir o proxecto ao Concello e sen a preceptiva licenza municipal de obras?
8.ª) Considera a Sra. conselleira razoable a situación de deterioro e incomodidade que supón para a imaxe e desenvolvemento da actividade dos veciños de Foz estas obras co seu actual modelo de execución?
9.ª) Considera a Sra. conselleira presentable este modelo de relación entre administracións promovido por departamentos do Goberno galego baixo a súa responsabilidade?
10.ª) Non cre a Sra. conselleira que os cidadáns de Foz merecen respecto con independencia de que a vostede lle guste ou non a cor do seu Goberno local e con independencia de que esteamos a meses das eleccións municipais?
11.ª) Ten previsto a Sra. conselleira e os responsables dos departamentos que dirixe, neste caso Portos de Galicia, asumir que xestionan os recursos que proceden dos impostos que pagamos todos, e polo tanto, que son goberno de todos e non só do PP?