Nota de prensa
O BNG AGOIRA OUTRO GOLETAZO COS ANUNCIOS DO PP PARA O PORTO DEPORTIVO DE SAN CIBRAO
Os populares levan décadas comprometendo esta obra que aparece e desaparece en función do calendario electoral
O propio Balseiro desvela cunha iniciativa parlamentar as mentiras vertidas durante meses por el mesmo e o Pte. de Portos de Galiza Álvarez-Campana
Cervo, 18 de marzo de 2011. O BNG agoira outro “goletazo” co porto deportivo de San Cibrao á vista da iniciativa debatida na mañá de hoxe na Comisisón de Pesca, Acuicultura e Marisqueo onde o parlamentar e Tte. de Alcalde de Cervo, José Manuel Balseiro solicitaba á Xunta de Galiza a redacción dos estudos técnicos necesarios para a creación desta infraestrutura. Para os nacionalistas o propio Balseiro pon ao descuberto as mentiras vertidas durante meses tanto polo propio Balseiro como polo Pte. de Portos de Galiza, José Manuel Álvarez- Campana que anunciaron tanto nos medios comunicación como diante de veciños de San Cibrao que aseguraban estar xa traballando nuns estudos que aínda non foron realizados. A negativa de Balseiro a aceptar prazos para a súa execución xa non deixa dúbidas sobre a falsidade das promesas do PP.
Dende maio de 2010 a Xunta asegura que traballa nuns estudos que agora lles piden desde o propio grupo popular.
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, acudiu á hemeroteca para lembrar que xa no mes de abril de 2010 o Pte. de Portos de Galiza acompañado do Sr. Balseiro, anunciaron nunha reunión con veciños no propio porto de San Cibrao que estaban realizando estudos para o porto deportivo de San Cibrao que se farían públicos no segundo semestre do ano, o mesmo anuncio fíxose en setembro do mesmo ano e comprometeuse para final de ano e recentemente volveuse facer o mesmo, anunciando a presentación “en breve”. Para Estúa a iniciativa de Balseiro pedindo agora a realización deses estudos “pon e evidencia que dende abril até hoxe tanto o Sr. Álvarez-Campana como Balseiro mentiron descaradamente ao pobo de San Cibrao que debería tomar boa nota”
O BNG esixiu compromisos reais con prazos que o PP non quixo aceptar.
O BNG presentou dúas emendas no debate parlamentar de hoxe esixindo compromisos reais “coa execución do proxecto de inmediato” e “ofreceu un acordo no que se incluíran prazos” que o representante do PP, José Manuel Balseiro non quixo aceptar. O BNG non vai acompañar ao PP nesta cerimonia da confusión e optaron pola abstención porqué “non imos dar un cheque en branco ao PP para que siga enganando aos veciños.” Para Estúa “fica claro que Balseiro perde credibilidade e volve ás andadas co porto de San Cibrao como fixeron os seus antecesores durante décadas”.
Balseiro non aprende e está disposto a enganar aos veciños con “outro goletazo”
Para os nacionalistas estamos diante “doutro goletazo”, en referencia ao proxecto aparcado para a construción dunha goleta en San Cibrao que fora anunciado con reiteración para rematar finalmente paralizado. Estúa demandou ao PP “menos verborrea e mais compromiso real” e lembrou que “dende fai décadas o PP e antes AP ven reeditando anuncios sobre o porto de San Cibrao coincidindo co calendario electoral que xa non se cre ninguén.” Para o BNG “a Balseiro debería caérselle a cara de vergoña por ser veciño de San Cibrao e formar parte deste engano que xa se suma ao perpetrado coa famosa goleta.”