Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela afirma que “hai que volver a aplicar a Axenda 21 en seis meses”

Nota de prensa

O PP afirma que “hai que volver a aplicar a Axenda 21 en seis meses”.

Aseguran que da Axenda 21 só queda o que se ve na web municipal, precisamente o que fixo o PP.
Os populares lamentan que o alcalde se teña preocupado “nada” polo medio ambiente.

Burela, 31 de marzo de 2011.- “É preciso recuperar, revitalizar e impulsar de novo a aplicación da Axenda 21 local de Burela, xa que desde finais de 2007 non se volveu a saber nada desta imprescindible ferramenta de traballo para calquera concello que se precie”, afirma o Partido Popular (PP) de Burela.

Os populares consideran que esta ferramenta de traballo, que contempla tres planos de acción (económico, social e medioambiental) con actuacións concretas en cada un deles, “está totalmente esquecida polo alcalde e polo bipartito burelés: da Axenda 21 local só queda algo na web do concello, precisamente o que fixo o goberno municipal do PP”.

Desde o PP consideran que “elaborar a Axenda 21 costou cartos, traballo e moito sacrificio. Pero a Axenda 21 colocou a Burela na ‘champions league’ dos concellos preocupados polo medio ambiente, e pola participación cidadá. De feito, a Axenda 21 comenzou a desenvolverse co goberno municipal popular, e tamén a participación cidadá, a través do Foro 21. De todo eso, insistimos só queda o que se vé na web do concello”.

“E como é un documento de traballo recuperable, porque é un documento aberto que se pode e se debe actualizar permanentemente, é polo que desde o PP presentamos unha moción para volver de novo á aplicación da Axenda 21 nun prazo non superior a seis meses”.

Os populares rematan indicando que “en materia medioambiental non se fixo prácticamente nada, só contenedores de aceite, e os dos cans, así como a gratuidade ficticia do punto limpo porque ó final pagámolo entre todos vía impostos; por riba, Burela xa non pinta nada entre os concellos líderes en materia medioambiental, e xa non nos chaman a ningún evento para explicar as nosas experiencias. Eso todo gracias ó ‘traballo’ do alcalde e do bipartito bureleses”.

Exit mobile version