Nota de prensa:
Arranca a formación do Pacto Provincial polo Emprego que beneficia a 576 desempregados da provincia
– 176 persoas iniciaron os primeiros cursos cos que a Deputación insertará laboralmente a estes desempregados nas profesións con máis futuro en Lugo
– As mulleres cun 82% e os menores de 30 anos cun 35% son os maiores beneficiarios desta iniciativa á que se presentaron 1.600 persoas, case o triple das prazas ofertadas
– Por zonas, 196 seleccionados participarán nos cursos que se imparten na Mariña, 138 nos municipios do sur da provincia e 246 nos da zona centro
– A formación ten un custe 0 para os participantes, polo que a Deputación lles aforra de media 2.000 euros; a cantidade que deberían pagar se fixesen os cursos por conta propia
A Deputación arrincou a formación do Pacto Provincial polo Emprego coa que o organismo provincial favorece a inserción laboral de 576 desempregados da provincia nas profesións con máis futuro en Lugo, e que foron previamente diagnosticadas dentro do programa que está cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo. Precisamente, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, e do Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, visitou este luns o curso de “Servizos de Restaurante”, de 620 horas de formación, que se celebra no edificio multiusos do municipio da Ribeira Sacra. Gómez Besteiro subliñou que “sen dúbida este é o mes do emprego na Deputación. O día 1 comezaban a traballar 548 desempregados co Lugo Emprega e, esta mesma semana máis de 100 persoas comezaron a recibir formación nas profesións con máis demanda. Dende a Deputación temos unha teima: crear emprego. Na provincia houbo 25.371 euros durante o mes de febreiro, o que supuxo un incremento de 12,88%. Ante esta situación, eu pregúntome que fai Feijóo, porque a día de hoxe, e así levamos dous anos, aínda non temos unha iniciativa da Xunta que contribúa a frear o paro”.
En total, 176 persoas iniciaron dende o pasado mércores a formación que se está a desenvolver en distintos puntos da provincia para favorecer a participación dos admitidos. Ademais, do curso inaugurado polo máximo mandatario provincial, no municipio da cidade do Cabe tamén se está a desenvolver o de “Atención Sociosanitaria en Institucións”, que dispón de 490 horas de formación.
As accións formativas teñen unha duración de 100 horas por mes. Deste xeito, hoxe iniciouse o de “Promoción Turística” –de 730 horas-, en Ribas de Sil; o de “Atención Sociosanitaria a Domicilio” – de 640 horas-, en Viveiro; e o de “Aproveitamento Forestal” –de 640 horas- no Valadouro. Este último tamén se impartirá dende mañá en Guitiriz xunto cos de “Atención Sociosanitaria” en Monterroso e Palas de Rei. Este mesmo comezará o mércores en Foz, xunto co de “Servizos de Restaurante”; accións formativas que comezarán o xoves en Becerreá, Chantada e Vilalba.
Asimesmo, dende o día 9 tamén se está impartir o de “Atención Sociosanitaria a Domicilio e Institucións” nos municipios de Ribadeo, Vilalba e Burela. O día 10 deu comezo esta mesma acción formativa en Fonsagrada, así como os de “Promoción Turística”, “Aproveitamento Forestal” e “Servizos de Restaurante” en Mondoñedo, Meira e A Fonsagrada.
Ademais dos citados anteriormente, impartiranse os seguintes cursos: operacións básicas de pisos e aloxamento (420 horas); técnico en transporte sanitario (385); operacións de auxiliar de fabricación (380); auxiliar de enfermeiría en xeriatría e monitor sociocultural (300 horas); monitor de tempo libre (275); atención a enfermos de Alzheimer (250) e cuidador de discapacitados físicos e psíquicos (200 horas).
As mulleres e a mocidade, os grandes beneficiarios
As mulleres cun 82% e os menores de 30 anos cun 35% son os maiores beneficiarios desta iniciativa que tivo un grande éxito de convocatoria. En total, 1.600 persoas formalizaron as solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas.
A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e ten o seu propio Pacto. A formación comprende 45 relacionados coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, polo que a Deputación lles aforra a cantidade que deberían pagar se fixesen os cursos por conta propia, é dicir, unha media de 2.000 euros por persoa e máis de 1 millón de euros a todos os seleccionados. Os beneficiarios reciben unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, ou o que é o mesmo, uns 400 euros mensuais.
En canto á distribución por zonas, dos 576 participantes, 246 pertencen á Concellos da zona centro, na que se impartirán 19 accións formativas: Fonsagrada, Cervantes, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Vilalba, Rábade, Guitiriz, Meira, Castro de Rei, Castroverde, Portomarín e Baralla. Asimesmo, 192 mariñanos beneficaranse das 15 accións formativas que acollerán os municipios de Foz, Ribadeo, Viveiro, Burela, Mondoñedo, O Valadouro, Lourenzá e A Pontenova. Finalmente, para participar nos 11 cursos da zonas sur foron seleccionados 138 desempregados. Neste caso, os obradoiros celebraranse en Chantada, Monforte, Sober Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Pantón e Bóveda.
Máis emprego na provincia
O Pacto Provincial polo Emprego, dotado con 3,4 millóns de euros, súmase a outros programa que o organismo provincial ten en marcha para crear traballo na provincia. Dentro do Lugo Emprega das 711 persoas que se contratarán xa están a pleno rendemento 624 desempregados de 63 Concellos da provincia. No caso, de Lugo os 73 beneficiarios farano a finais de mes. Polo que se refire a Incio, SUPLUSA publicou o xoves, 10 de marzo, no Boletín Oficial da Provincia a convocotoria, polo que a o proceso selectivo celebrarase este venres, de tal xeito que antes de que remate o mes as 7 persoas comezarán a traballar nas áreas verdes que xestiona a Sociedade Urbanística Provincial neste municipio. No caso de Lourenzá, os sete seleccionados, logo de que o Alcalde rexeitase a súa contratación, unha vez asinado o convenio de adhesión, redistribuiranse nos Concellos limítrofes.
Ademais, os 114 bombeiros que se contratarán para traballar nos parques construídos polo Consorcio continúan coa súa formación que rematará o 26 de abril, de tal xeito que o 1 de maio estarán todos traballando. Polo que se refire a SUPLUSA, a Deputación tamén crea traballo cos 10 centros de día e residencias que construirá noutros tantos Concellos. En total, coa execución destas infraestruturas a Deputación xera 120 empregos directos.