INAUGUROUSE A MOSTRA “O POBO DAS NÉBOAS”, DO FOTÓGRAFO DA PONTENOVA VICENTE ANSOLA
A exposición, que pretende denunciar o perigo de ruína ou desaparición da arquitectura popular da comarca lucense da Pontenova, poderá visitarse ata o día 31 de marzo no Museo de Lugo
LUGO, 17 de marzo de 2011. A mostra titulada “O pobo das néboas”, de Vicente Ansola, fotógrafo cántabro residente en Vilaeimil, A Pontenova (Lugo), inaugurouse esta tardiña no Museo de Lugo, nun acto ao que asistiron, ademais do artista e da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, a candidata do BNG na Pontenova, Mónica Rancaño, e un bo número de veciños e veciñas do concello. O artista agradeceu a asitencia destas persoas entre as que ademais se atopan moitos dos protagonistas da obra que se expón no Museo de Lugo. Vicente Ansola foi seleccionado con este traballo entre os 10 finalistas do prestixiosos Premio Hasselblad Masters Adwars 2010, na sección “Up and Coming”, cuxo gañador será dado a coñecer o vindeiro outubro.
A mostra, que permanecerá no refectorio do Museo de Lugo ata o 31 de marzo, pretende denunciar o perigo de ruína ou desaparición da arquitectura popular da comarca lucense da Pontenova. Está constituída por imaxes de xentes e exemplos da valiosísima arquitectura popular do concello da Pontenova, nomeadamente dos lugares de Vilarxubín e Vilaeimil. As fotografías representan momentos da vida cotiá dalgunhas aldeas da Pontenova e as súas xentes, polo que o artista declara que no seu interior, atopa dous sentimentos contrapostos con respecto a este traballo: por unha banda a satisfacción de mostrar as súas fotos ao mundo exterior, e que os espectadores compartan, sintan e gocen dunha parte da riqueza do concello de A Pontenova. Doutra banda, a pena de non gardar este lugar para a súa intimidade.
Fronte a esta última alternativa, Vicente Ansola decidiuse finalmente por mostrar esta riqueza e loitar deste xeito pola conservación e recuperación dalgún deses lugares que conforman o “paraíso pontenovés”. Aldeas como Vilarxubín, Bogo, San Paio, Herbelle, Vilargondurfe, Vilaeimil… sobreviven grazas á mostra deste artista ao esquecemento e a ruína. Aparecen na mostra ficando para a memoria os hórreos, cabozos, fornos, e un longo etcétera de exemplos de arquitectura popular.