Nota de prensa
BURELA ADÁPTASE ÁS DIFERENTES NORMATIVAS EN VIGOR CO FIN DE SIMPLIFICAR OS PROCEDEMENTOS A SEGUIR PARA A APERTURA DE NOVOS ESTABLECIMIENTOS COMERCIAIS, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR O CONCELLEIRO JOSÉ GONZÁLEZ LEGAZPI.
Burela, 30 de marzo de 2011. O delegado de Industria, Comercio e Turismo do Concello de Burela, José González Legazpi, informa que no Concello de Burela se atopan traballando para que na maior brevidade se poida dar aplicación ao que dispón a directiva europea Ómnibus e a Lei de Economía Sostible, en tanto que esta pode representar melloras de importancia para os sectores económicos locais.
A Delegación de Comercio busca optimizar o comercio local coa armonización de normas para a obtención da licenza de actividade. Agárdase que as novas condicións rexan o antes posible, tendo que presentarse a mesma documentación que ata de agora, pero poderase abrir o comercio de inmediato, e seguramente con menor custe.
O edil nacionalista explica que “aínda que a propia normativa non dispón prazos concretos para a súa aplicación, e só insta ás administracións a súa adaptación, unha parte da súa aplicación favorecerá ao sector do comercio local, e ao mesmo tempo posibilitará o estimulo para a creación de actividade comercial en Burela”.
González Legazpi engade que “esta normativa engade contempla importantes modificacións para a obtención de licenza de actividade no ámbito do comercio, xa que logo establece que o promotor do comercio só deberá presentar no Concello unha comunicación previa, xunto cunha declaración responsable de apertura de establecemento comercial, sendo por tanto a apertura inmediata. Terá, eso sí, que aportar toda a documentación que presentaba ata o de agora, pero a diferenza atópase en que non terá que esperar pola licenza, se non que poderá abrir o comercio ao día seguinte”.
O edil de Comercio pensa que “se trata dunha grande modificación a respecto do que agora acontece, xa que logo simplifica de inicio a tramitación, posiblemente reduza as taxas económicas, máis tamén xera responsabilidade sobre o solicitante e os técnicos dos proxectos a desenvolver, que evidentemente serán coincidentes coa documentación aportada e a declaración formulada, dado que con posterioridade o Concello mantén a capacidade fiscalizadora e de control, que aínda que non fose inmediata ou mesmo obrigatoria, evidentemente existirá”.
José González Legazpi engade que “a elaboración da correspondente ordenanza atopase bastante avanzada, e seguimos por tanto no seu desenvolvemento no senso de que a posta en funcionamento desta norma, sexa o antes posible, porque consideramos que pode xerar condicións económicas favorables para o comercio local, simplificación nos procedementos, e ao mesmo tempo optimizará a creación de actividade comercial no noso Concello”.