Nota de prensa
SAMUEL JUÁREZ AVOGA POLA CERTIFICACIÓN COMO UNHA FERRAMENTA PARA MELLORAR A COMPETITIVIDADE DOS NOSOS PRODUTOS
* O conselleiro do Medio Rural visitou este mediodía o municipio lucense de Abadín para asistir á “VI edición de Expogrelo”
Santiago, 5 de marzo de 2011.- Coincidindo coas festas do Entroido, o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, desprazouse até o municipio lucense de Abadín para asistir á “VI edición de Expogrelo”, feira monográfica que ensalza un dos produtos máis enxebres da horta galega.
O departamento que dirixe Samuel Juárez, no seu labor de promoción e defensa do prestixio e da calidade dos mesmos, gábase do recoñecemento obtido coa certificación de 22 produtos, entre eles os grelos. Un camiño que debe proseguir e estenderse a outros produtos de calidade das terras fértiles de Galicia para que estes sexan máis competitivos.
Samuel Juárez recordou as numerosas referencias a esta planta, xa sexan de carácter histórico ou no marco da tradición gastronómica, que revelan o arraigo que ten esta hortaliza no pobo galego. Os grelos resultan ser hortalizas imprescindibles nalgúns dos pratos máis representativos da cociña galega como o “Caldo”, o “Cocido” e o “Lacón con Grelos”, manifestou o titular de Medio Rural, constituíndo así mesmo un elemento diferenciador respecto á cociña tradicional doutras rexións.
As súas características fan deste produto un manxar respectado que se manifestou coa certificación como indicación xeográfica protexida, reforzando o seu peso dentro e fóra das nosas fronteiras.
Concurso de cestas
O conselleiro foi un dos encargados de entregar os premios ás mellores cestas de grelos, xunto coa directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestas da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon, e o presidente da IXP Grelos de Galicia, José Luis Dadín.