Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo requiriu a 105 propietarios de fincas e inmobles para que corrixan anomalías

Nota de prensa

O CONCELLO ENVIOU 70 REQUERIMENTOS A VECIÑOS DE RIBADEO PARA QUE PROCEDAN A LIMPAR AS SÚAS FINCAS E 35 A PROPIETARIOS DE INMOBLES PARA CORREXIR DETERMINADAS SITUACIÓNS PERIGOSAS. FERNANDO SUÁREZ FAI UN BALANCE POSITIVO PORQUE A MAIORÍA DOS DECRETOS FORON ATENDIDOS, PERO ADVIRTE DA IMPOSICIÓN DE SANCIÓNS ECONÓMICAS AOS QUE DESOIGAN AS NOTIFICACIÓNS.

Ribadeo, 7 de marzo de 2011. O Concello enviou nos últimos meses 70 requerimentos a veciños de Ribadeo para que procedan a limpar as súas leiras e solares e 35 máis a propietarios de inmobles para correxir determinadas situacións perigosas. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha valoración positiva porque a maioría deses decretos foron atendidos.

O rexedor lembrou que “nos últimos meses enviáronse uns 70 decretos requerindo o seu amaño aos propietarios de solares, prados e leiras tanto na vila como nas parroquias, que estaban nun estado de abandono lamentable e que eran foco de queixas por numerosos veciños e asociacións. Arredor dun 80% fixeron caso no sentido de que xa procederon a desbrozar e a limpar estas parcelas ou ben están niso e ao 20% restante ben porque se negan ou porque non se aclara quen é a propiedade da parcela estamos a enviar unhas novas remesas de requerimentos que acabarán en sanción económica. Disgústanos facer isto, pero é a única maneira de que ao final se nos faga caso. Primeiramente debo apelar ao sentidiño da maioría dos propietarios, vivan en Ribadeo ou fora de aquí”.

Suárez Barcia tamén se referiu “a esta campaña xa iniciada hai tempo sobre o casco vello. Enviamos arredor de 35 requerimentos para correxir determinadas situacións perigosas de inmobles. O 70% os amañaron ou están trámites para conseguir as oportunas licenzas de obra e hai un 30% de propietarios que fixeron caso omiso ás nosas notificacións, co cal se están vendo diante dunhas sancións económicas que a administración local, sen dúbida algunha, porá a todos os propietarios que desoigan estes requerimentos que teñen que ver coa seguridade pública, coa salubridade e co ornato”.

Para o alcalde de Ribadeo “hai probas nos últimos meses máis que evidentes de cousas que se foron amañando e que levaban moitos anos sen amañar e isto sérvenos para seguir traballando nesta liña. De feito nos vindeiros días sairá unha nova remesa de requerimentos a propietarios que non nos están a facer caso, porque a fin de contas o patrimonio do casco vello en primeiro lugar é dos seus propietarios, pero desde o punto de vista xeral é patrimonio de todos. Que unha vila ou que un casco vello estea ben conservado é o esforzo de todos e o resultado de ter unha vila bonita favorece ao turismo e á calidade de vida. Si me refiro ao casco vello tamén o fago a estas parcelas con silvas e con toxos que chegan a dous metros de alto, que ocasionan a aparición de alimañas e que supoñen perigo de incendio. Todos os que viven en Ribadeo queren estar vivindo con todos os arredores amañados e desbrozados, etc, etc… Seguiremos traballando desde o Concello cos diferentes técnicos municipais para lograr de Ribadeo un lugar máis agradable e confortable e máis fermoso para vivir”.

Exit mobile version