Nota de prensa
O CONCELLO PREPARA UNHA HOMENAXE A PURIFICACIÓN CORA PARADELA COA COLOCACIÓN DUN MONUMENTO NO PASEO MARÍTIMO DE LIEIRO
Este recoñecemento ven motivado pola cooperación amosada pola familia Cora-García ao longo de moitos anos co municipio de Cervo nos cales ten amosado o seu amor e a súa vinculación coa vila de San Ciprián
O encargado de realizar a escultura será o mindoniense Daniel Caxigueiro
O monumento situarase nunha pena do paseo marítimo da ría próxima á finca doada no seu día pola familia do homenaxeado para que se puidera levar adiante a recuperación medioambiental desta ría
Esta homenaxe foi un compromiso adquirido no seu día pola anterior corporación municipal e pola Dirección Xeral de Costas que foi refrendado en maio pasado mediante un acordo unánime da actual corporación
Nese mesmo pleno de maio a corporación acordou solicitar tamén por unanimidade o patrocinio da Dirección Xeral de Costas para realizar este monumento, pero o nomeado organismo rexeitou recentemente colaborar economicamente nel
Cervo, 8 marzo de 2011.- O alcalde de Cervo visitou xunto co escultor Daniel Caxigueiro o emprazamento onde está previsto que se levante nas vindeiras semanas o monumento de homenaxe a D. Purificación Cora Paradela, anterior editor do xornal El Progreso e persoa estreitamente ligada co pobo de San Ciprián, así coma toda a súa familia.
Villares lembrou que a intención de promover esta homenaxe a Cora Paradela “e por extensión a toda a súa familia” ven da lexislatura pasada, cando o anterior grupo de Goberno local e os responsables de Costas se comprometeran a facer este recoñecemento á familia de Cora Paradela “pola cooperación amosada ao longo de moitos anos co concello e polas moitas aportacións desinteresadas que teñen feito a este municipio e en especial a San Ciprián, o que demostra o seu amor e a súa vinculación con esta vila” recalcou o mandatario local. Devandito compromiso foi refrendado en maio pasado mediante o acordo unánime das tres forzas políticas municipais para levar adiante esta homenaxe mediante a colocación dunha escultura na zona do paseo da ría de Lieiro na honra do homenaxeado.
O encargado de darlle forma a este monumento será o mindoniense Daniel Caxigueiro, quen seleccionou como lugar idóneo para o emprazamento da escultura unha zona de penas ao pe da ría que se atopa a pouca distancia dunha das fincas cedida pola familia Cora-García para a rexeneración medioambiental da franxa norte da Ría de Lieiro.
Acto Financiado polo Concello
Alfonso Villares sinalou tamén que o Concello será o encargado de asumir finalmente o custe íntegro desta escultura. Ao fío disto lembrou que no pleno de maio pasado -onde se ratificou a organización da homenaxe- a corporación cervense tamén acordou solicitar da Dirección Xeral de Costas o seu patrocinio para acometer os custes de construción da escultura, pero recentemente este organismo dependente do Ministerio de Medio Ambiente remitiu un escrito ao consistorio dicindo que no poderían asumir dito patrocinio.
Cumprir un compromisos
A pesares deste contratempo, o rexedor sinalou que o custe desta escultura será asumido polo Concello “porque foi un compromiso adquirido polo Concello e ratificado por todos os membros da corporación e, por iso, imos facernos cargo do financiamento íntegro, xa que é o mínimo que podemos facer despois de todo o que esta familia lle ten dado a San Ciprián” indicou Villares.