Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Innovación Social da Deputación creará servizos que melloren a calidade de vida

Nota de prensa:
A Deputación crea emprego no campo do benestar social co centro “In Lugo”, pioneiro en Galicia

– O Centro de Innovación Social adicarase a desenvolver e probar produtos e servizos que melloren a calidade de vida das persoas, o que xerará postos de traballo nun dos nichos de emprego máis importantes da provincia

– O proxecto, cofinanciado nun 89% polo Ministerio de Industria, aforrará cartos ás empresas ó darlles a posibilidade de facer probas con público real e experimentar cos seus produtos antes de arriscarse no mercado

– Un variado programa de actividades itinerantes e gratuítas achegará as novas tecnoloxías á poboación. Destacan unhas xornadas que ensinarán ás empresas como posicionarse nas redes sociais

A Deputación de Lugo fomenta a creación de postos de traballo nun dos nichos de emprego máis importantes da provincia, como é o do benestar social, coa apertura do primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, “In Lugo”, inaugurado este martes no edificio da Fundación TIC polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe. Promovido polo organismo provincial e cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% a través do Plan Avanza, o servizo dedicarase a desenvolver e probar novidosos produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente da terceira idade e dependentes. En España só funcionan iniciativas semellantes en Cataluña e o País Vasco, pero ningunha delas está enfocada ó benestar social, como neste caso.

Ademais de xerar oportunidades laborais, este proxecto pioneiro, que implicará a empresas e sociedade, aforrará custes ás Pemes ó ofrecerlles a posibilidade de facer probas e experimentos dos seus produtos con público real antes de arriscarse no mercado, e favorecerá un tecido empresarial máis competitivo e innovador. Coa súa posta en marcha, a Deputación xa insertou laboralmente a 27 desempregados da provincia, que conforman o equipo de xente que atende o centro, traballando cóbado con cóbado cos cidadáns.

O Centro de Innovación Social (CIS) conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, dos que o Goberno central aportou 1,3 e o resto a Deputación, e atópase na segunda planta do mesmo inmoble no que funciona a Fundación TIC, na antiga casa cuna. Para acoller os novos servizos foron imprescindibles reformas no edificio, no que non se acometían melloras dende o peche da casa cuna, alá polo ano 1981. Dende o organismo provincial decidiuse que esta é a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación, como a Escola da Imaxe e Son situada na planta baixa do mesmo inmoble.

Quen chama, na pantalla

A inauguración de “In Lugo” incluíu unha visita ó obradoiro “Lembranza Fotográfica”, co que arranca a programación de actividades organizada polo centro para achegar as novas tecnoloxías a poboación. O curso está dirixido a maiores de 45 anos e os asistentes poderán crear o seu propio blog con fotos antigas e actuais. No mesmo acto, a empresa lucense Colabora Ingenieros fixo unha demostración dun produto pensado para mellorar a calidade de vida dos anciáns e persoas con mobilidade reducida, como exemplo das iniciativas que desenvolverá o CIS. O servizo presentado foi “Cuidado myJoice”, dirixido tanto a particulares como empresas de servizos sociais, e que permite ó usuario ver na pantalla da televisión a foto da persoa que o está chamando por teléfono e falar con ela, sen ter que moverse do sofá ou da cama. A aplicación dá maior seguridade ás persoas que o usan e ós seus familiares, evita o illamento e mellora a calidade asistencial.

O centro “In Lugo” funcionará coa metodoloxía coñecida como living-labs, é dicir, plataformas de investigación nas que traballan conxuntamente asociacións públicas e privadas, universidades, institutos e cidadáns particulares para probar produtos e conseguir que se adapten o mellor posible ás necesidades sociais, como pode ser o mencionado exemplo, ou ben un libro de exercicios que axilice a capacidade mental, aparellos que dean solución a deficiencias visuais e auditivas ou cadeiras adaptadas, entre outros. Para a súa posta en funcionamento, a Deputación leva traballando varios meses co asesoramento do “Citilab” catalán, a vangarda deste tipo de proxectos en España.

Calendario de actuacións

A programación arrancou hoxe mesmo co obradoiro “Lembranza Fotográfica” e continuará con cursos de DNI electrónico, ofimática básica, redes sociais, alfabetización informática, seguridade en Internet, manexo de teléfono móbil, vídeo e fotografía dixital, e iniciación á fotografía réflex. Tamén se impartirán seminarios sobre prevención de riscos domésticos, políticas de igualdade, axudas e subvencións, e busca activa de emprego, así como de seguridade en Internet e organización das horas de estudo, estes dous últimos dirixidos ó máis pequenos.

Especialmente pensadas para as empresas, están previstas para entre os días 12 e 19 deste mes de marzo unhas xornadas que mostrarán como posicionar os negocios nas redes sociais, que tanto peso están adquirindo na comunicación. Por outra banda, o 30 de marzo celebrarase o Día de Software Libre, no que se lles instalará no seu ordenador os programas “OpenOffice” ou “LibreOffice” a todas aquelas persoas que así o desexen.

Os interesados en tomar parte na actividade do “In Lugo” poden informarse ou inscribirse no propio centro, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org As empresas ou emprendedores que desexen someter a test un produto ou servizo nas instalacións do centro tamén poderán solicitalo a través dos medios mencionados. O CIS pon ademais á súa disposición un equipo con vídeo conferencia para celebrar reunións empresariais.

Esta iniciativa axudará a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, ó achegarlle as TIC -sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos-, fomentará o envellecemento activo e impedirá o illamento dos veciños da provincia. Para elo, ademais de implicalos no desenvolvemento de novidosos produtos e servizos destinados a mellorar a súa calidade de vida, organizará diversas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a tódolos públicos, como obradoiros, cursos e seminarios, tanto nas súas instalacións, como polo resto da provincia, pois conta con equipos itinerantes.

Exit mobile version