Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD recibiu 18 solicitudes para ás primeiras becas de artesanía e deseño

Nota de prensa

O CENTRAD recibe unha vintena de solicitudes para acollerse ás primeiras becas de artesanía e deseño da provincia

– A Deputación axilizará o proceso de selección para dar a coñecer este mesmo mes os beneficiarios das cinco bolsas de estudo, dotadas cada unha con 12.000 euros e cun ano de duración

– As axudas están destinadas a aumentalas vendas coa actualización do catálogo de produtos dos artesáns lucenses, axudar ás familias cos custes de formación dos seus fillos, rentabilizar a unión da artesanía co deseño de moda, innovar produtos artesanais e potenciar a fábrica e Sargadelos

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación recibiu 18 peticións para acollerse ó primeiro Programa de Bolsas de Estudos para o Desenvolvemento e o Deseño da provincia, unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes. Agora ábrese o proceso de selección dos beneficiarios, que o organismo provincial quere axilizar ó máximo, de maneira que dará a coñecer este mesmo mes os resultados, aínda que a data límite fixada nas bases da convocatoria das axudas é maio. As becas convocadas son cinco, están dotadas cada unha delas con 12.000 euros e teñen unha duración dun ano. A iniciativa, cuxo orzamento total ascende a 60.000 euros, busca dar apoio para conservar e potenciar o deseño e a artesanía, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións e que constitúe un nicho de emprego e unha actividade importante para o futuro económico de Lugo.

As bolsas convocadas polo CENTRAD están destinadas a:

1. Aumentar as vendas dos artesáns lugueses. A base de datos co catálogo de artesáns da Consellería de Industria non está actualizada. É imprescindible facer un estudo de campo para actualizar o rexistro de artesáns así como dos produtos que poden ofrecer ó consumidor, requisitos imprescindibles para aumentar as vendas. Os bolseiros poden ser investigadores, historiadores, documentalistas, artesáns…

2. Axudar ás familias cos custes de formación. A formación en Artes non é habitual nos programas educativos, excepto nalgún caso de cerámica. Isto esixe un enorme esforzo económico ás familias cando un dos seus fillos necesita continuar cos seus estudios ou especializarse, xa que o máis habitual é ter que facelo fóra de Galicia.

3. Facer rendible o traballo en equipo de deseñadores de moda ou complementos e artesáns. Esta unión ten na actualidade excelentes resultados que Deputación e Concello queren ampliar en Lugo. A fusión é unha nova vía de negocio que ten moitas posibilidades como nicho de emprego.

4. Innovar os produtos artesanais. Moitos artesáns lugueses traballan dun modo tradicional e descoñecen como aproveitar as tecnoloxías. Mellorar os procedementos de traballo, desde a creación do produto ata a posta a venda, é o obxectivo desta bolsa aberta tamén a perfís como deseñadores industriais, artesáns, investigadores, informáticos, etc.

5. Potenciar a fábrica de Sargadelos. A Deputación amosou de moitas formas o seu apoio incondicional á fábrica de Sargadelos, en Cervo, unha firma de deseño e creación de porcelana con máis de dous séculos de historia vencellados á cultura galega en tódolos eidos da creatividade. A fábrica recibiu con gran interese esta nova oferta da institución provincial para que deseñadores ou artesáns podan ter no centro unha bolsa de estudos no sector da cerámica.

Os criterios que se terán en conta na selección dos artesáns que recibirán as axudas son os seguintes: o nivel curricular do peticionario, que poderá puntuar ata 40 puntos sobre 100; o proxecto de actuación para o que se solicita a subvención, que puntuará ata 30 puntos, e unha entrevista persoal, cun máximo de 30 puntos. Os resultados expoñeranse no taboleiro de anuncios do INLUDES (con enderezo na Rúa da Muralla, 140) e na páxina web www.deputacionlugo.org

“Raíces da fotografía”

O CENTRAD inicia mañá martes o curso “Raíces da fotografía”, que forma parte da súa programación oficial de obradoiros para este 2011 e impártese por primeira vez. Desenvolverase ata o día 8 de abril, de martes a xoves, en horario de 18:00 a 22:00, e os sábados día 12, 19 e 26 de marzo, de 17:00 a 22:00. Asistirán 6 alumnos e impartirao Peter Schneider, que abordará a fotografía en branco e negro manual, cámara de gran formato, laboratorio negativo e positivo, e distintas temáticas de fotos.

Por outra banda, está aberto o prazo de inscrición nos 31 obradoiros que ofrecerá o centro durante a primavera e que forman parte desa programación oficial de actividades deste ano, conformada por un total de 74 cursos. Os interesados poden acudir ás instalacións do centro de artesanía, na rúa Chantada da capital, entre as 9:00 e as 14:00 horas, de luns a venres; ou anotarse por Internet, entrando na páxina www.centrad.org, unha opción posible por primeira vez esta tempada grazas ó proxecto europeo Innova-TE, promovido pola Deputación para implantar a Administración Electrónica na provincia.

Exit mobile version