Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo quere que os veciños e as veciñas poidan sacar as súas propias conclusións sobre a Lei de Augas

NOTA DE PRENSA

O BNG de Ribadeo quere comunicar aos veciños e veciñas do noso concello unha serie de valoracións en torno a Lei de Augas para que poida sacar as súas propias conclusións:

1. A Lei de Augas aprobouse no Parlamento Galego, cos únicos votos do PP, o 26 de outubro de 2010. Tras ser publicada no DOG, entrou en vigor o 18 de decembro do mesmo ano. Agora ben: a Xunta dispón de seis meses para aprobar o regulamento de dita lei. Curiosamente, ata despois das eleccións municipais non vai comezar a cobrar esta nova taxa.
2. Empéñase o PP en negar a evidencia: o actual canon de saneamento vai ser substituído polo canon da auga e créase un novo coeficiente de vertido. Logo haberá que pagar por máis cousas ca antes.
3. Ademais, dicir que agora, con esta nova lei, as familias numerosas van ter deducións para a súa vivenda habitual, é unha media verdade (a peor das mentiras): desde o ano 2000 xa teñen esa dedución.
4. Polo que se refire a aqueles que se abastezan de pozos e ás comunidades de usuarios legalmente constituídas que non teñan rede de saneamento pública é certo que se lles aplicará unha bonificación do 80%, pero, ollo!, só no caso das vivendas que non teñan nin abastecemento de auga nin saneamento público.
5. Insistir de xeito recorrente en que o rural está exento deste novo imposto da auga é totalmente falso: non hai un só artigo da Lei 9/2010 de Augas de Galiza onde se afirme tal cousa.
6. Cabe preguntarse para que fai o PP unha Lei de Augas se despois case todo o mundo, segundo eles, vai estar exento de pagar as taxas que se establecen con dita Lei?
7. Botando balóns fóra, tamén afirma o PP que isto xa o debería ter feito o anterior goberno bipartito que, segundo o señor Manuel Valín, eludiu as súas responsabilidades. Aclárense no PP: agora gobernan a Xunta e teñen que actuar, decidir, gobernar. Despois de dous anos, os datos económicos negativos seguen a aumentar, e aínda andan vostedes portándose como se estiveran na oposición. Gobernan ben pouco; máis que nada fanlle oposición á oposición e a aquelas institucións que non xestionan. Así nos vai: o señor Feijoo que di que non ten competencia ningunha para loitar contra o paro, pero sempre atopa tempo para ir aos faladoiros madrileños a facerlle oposición aos demais. Aspirará tamén o señor Valín a gobernar o Concello de Ribadeo para despois facerlle oposición a aquelas institucións de goberno que non dirixan?

Exit mobile version