Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pregunta canto lle costa ao concello de Cervo un panfleto repartido porta a porta

BNG CRITICA O USO PARTIDISTA DE FONDOS PÚBLICOS PARA PROMOCIONAR UNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE EN CERVO

Os nacionalistas preguntan canto lle costa ao concello de Cervo un panfleto repartido porta a porta

Cervo, 29 de marzo de 2011. O BNG criticou o uso partidista de fondos públicos na edición, publicación e reparto polas vivendas de Cervo dun panfleto pagado con diñeiro público no que o concello, con todo luxo de material e fotografías anuncia o inicio de obras para a construción da residencia e centro de día de San Cibrao e de forma indirecta atribúese méritos inexistentes na construción dun centro ocupacional promovido pola Asociación de Axuda aos Enfermos Mentais da Mariña. Os nacionalistas preguntarán canto custou a edición do panfleto e a súa difusión e din que o PP segue a confundir a institución municipal coa sede do Partido Popular ao financiar con fondos públicos a campaña do PP obviando a tan repetida austeridade que pregoan.

O BNG quere saber canto lle custa aos veciños a propaganda electoral do Partido Popular.

Os nacionalistas anuncian a presentación de preguntas para coñecer canto custou a edición e envío do panfleto que en calquera caso consideran “un malgasto de fondos públicos en beneficio do Partido Popular que sustenta o goberno local”. Mentres o discurso oficial do PP fala de austeridade, en Cervo tiran a casa pola ventá cando se trata de favorecer ao partido.

Un panfleto pagado por todos, editado con material de calidade, a toda cor, e onde so aparecen membros do Partido Popular.

Os nacionalistas acusan ao PP de “abusar sen disimulo das arcas municipais utilizándoas ao servizo do Partido Popular” mediante a edición dun panfleto “remitido a tódalas casas de Cervo” onde se anuncia a construción dunha residencia da terceira idade e centro de día con profusión de fotos e planos a toda cor onde so aparecen membros do Partido Popular. Para o BNG xa e reiterado o uso e a confusión que fai o PP de Cervo da institución co partido que sustenta o goberno, “xa sexa utilizando a persoal municipal para campañas partidistas ou como neste caso co financiamento das arcas municipais de panfletos de carácter partidista”

Permítense o luxo de atribuírse méritos inexistentes na Construción dun centro ocupacional para persoas con discapacidade mental que promove a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.

O BNG critica que o referido panfleto inclúa, “dun xeito perverso”, a atribución de méritos ao goberno local da construción dun Centro Ocupacional para persoas con discapacidade mental promovido pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. Os nacionalistas argumentan que o único mérito do goberno local “e tramitar as xestións administrativas necesarias como non podía ser doutro xeito e aí remata o conto”. Os méritos a quen lle corresponden que non e a outros que á directiva da asociación que traballou para sacar este proxecto adiante e soubo xestionar diante doutras administracións as axudas necesarias para levalo adiante.

Exit mobile version