O BNG da Pontenova pídelle ao goberno local traballo e esforzo para a busca de solucións.
A colocación da pasarela sobre o Río Eo, na vila da Pontenova, segue a provocar reaccións entre as veciñas e os veciños do Concello.
Desde o BNG local pídeselle ao Concello que aclare a finalidade da pasarela xa que existen contradicións entre o que este di e o que mostra a Confederación, xa que desde este organismo se segue a defender que a pasarela foi concebida unicamente para paso de peatóns.
A pasarela que conta con 3 m de anchura fai case imposible un uso misto de coches e persoas dunha maneira mais ou menos fluída. Segundo fontes do grupo nacionalista pénsase que o que está a facer o goberno socialista é enganar ás veciñas e aos veciños ao non recoñecer estes feitos, e mostrando de novo a súa incompetencia á hora de defender os intereses do Concello.
Segundo palabras da portavoz municipal, Mónica Rancaño “desde o BNG da Pontenova pensamos que o que precisamos as veciñas e os veciños son solucións e xente competente que traballe por acadalas. A realidade é que a pasarela non resolve o paso simultáneo de vehículos e de peatóns, co que os responsables políticos, neste caso o Concello teñen que asumir as súas responsabilidades”.
A posición do BNG da Pontenova segue a ser a mesma que ata o dagora. Desde esta forza política sempre se defendeu a necesidade de que a nova pasarela fora de uso misto para vehículos e para peatóns, e reclámaselle ao actual alcalde socialista, que non minta sobre este asunto.
Desde o grupo nacionalista tamén se fai fincapé na falta de seguridade da nova pasarela, xa que, segundo palabras do responsable municipal, Jorge Gómez Rico, “as barandillas son escalables polos rapaces ao tempo que a proximidade dos coches a o seu paso dificulta moito o paso dos peatóns cunhas mínimas garantías de seguridade.