Nota de prensa
Os mariñanos solicitan a reedición do Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo
– Segundo datos de Google, máis de 1.000 persoas seguiron puntualmente toda a información do evento mediante o espazo km0surf.deputacionlugo.org
– 34 medios de comunicación provinciais, autonómicos e estatais fan eco do km0 Surf Camp garantindo a promoción da Mariña que se marcou como obxectivo a Deputación
– 90 persoas sumáronse á sesión de surf deste domingo na praia focense da Rapadoira, superando todas expectativas malia as choivas rexistradas na zona
Éxito do Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo. O evento co que o organismo provincial en colaboración con David Martínez –propietario da tenda ribadense “Hola Ola”-, e o clube Surfiños de Foz, celebrou esta fin de semana na Mariña concentrou a centos de persoas na costa lucense. O mal tempo non impediu que numeroso público achegado dende Madrid, Asturias, Ourense, Santiago, Lugo e Vigo participase xunto á elite nacional de surf nas actividades totalmente gratuítas que se desenvolveron durante 3 días na costa lucense. O éxito foi tal que os mariñanos xa solicitaron a reedición do evento ó organismo provincial. Esta petición tamén foi plantexada polos propios campións nacionais de surf e decenas de participantes no espazo www.facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo. Ademais, segundo datos de Google máis de 1.000 persoas seguiron puntualmente toda a información do evento a través do espazo km0surf.deputacionlugo.org.
Ducias de persoas, moitos delas representantes da prensa, que seguiron o Km0 Surf Camp amosan que a Deputación acadou obxectivo marcado con esta iniciativa: promocionar ó exterior a Mariña mediante a posta en valor da súa riqueza medioambiental e o deporte. Deste xeito, con esta iniciativa logrouse que se fale da costa lucense en 34 medios de comunicación tanto a nivel provincial e autonómico como estatal:
-prensa escrita: La Voz de Galicia, El Progreso, Efe, ABC, El País, Xornal de Galicia, Público, Grupo Vocento, de Luns a Venres, 20 minutos, El Imparcial, Diario de Bergantiños, Que.es, blog A remojo, blog de occy, weblog.benquerencia.surf, surfgaliza.com, surfslipe.wave, e Surfer Rule, unha das revistas máis importante a nivel nacional que xa destaca na súa portada dixital o Km0 Surf-Camp da costa lucense. Ademais, tamén se impulsa a imaxe da Mariña coa información que publicará o fotoxornalista presente no evento Cedric Debarrós, responsable de Parafine, a publicación máis importante en Brasil sobre este deporte, ademais de corresponsal de Beach Brother e de Tres 60, a revista máis destacada en Francia en esta materia e unha das máis importantes en España, respectivamente.
– televisións: Localia Galicia, TVG, Veo 7 –canal de El Mundo-, youtube.com, Messenger canal
– radios: Ser, Cope, Radio Galega, RNE, Radio Voz, Radio Foz, Radio Burela
Expectativas superadas
O índice de participación esperado superouse na maioría das actividades celebradas malia as choivas que se rexistraron na zona. 90 persoas chegaron a sumarse á sesión de surf deste domingo na praia focense da Rapadoira. Nun principio, estaba prevista a participación dunhas 40 persoas, de entre 8 a 49 anos, que empregaron sen custe algún o equipamento que lles facilitou a Deputación. Tamén o sábado, numero público asistiu á demostración de wake-surf nocturna na Ría de Ribadeo na que, como novidade, se empregou un sistema nunca antes visto en España: as táboas con luces “led”.
Co Km0 Surf-Camp a Deputación quixo, ademais de dar a coñecer a Mariña mediante o deporte, reivindicar unha vez máis a súa riqueza medioambiental como unha oportunidade económica única. Deste xeito, o Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, representantes da Federación Española do Surf, e os 14 campións nacionais que fixeron de embaixadores da Mariña este fin de semana, visitaron a praia das Catedrais e realizaron un treito do Camiño da Costa.