Nota de prensa:
Medio Rural suspende os permisos de queimas ata novo aviso debido á previsión meteorolóxica adversa
Agárdase vento do nordés de carácter moderado, con refachos fortes nalgunhas zonas
Santiago, 1 de marzo de 2011.- Ante as previsións meteorolóxicas adversas para as próximas horas e días, con vento moderado do nordés (con intervalos fortes na Costa da Morte o xoves), a Consellería do Medio Rural decidiu suspender, ata novo aviso, a concesión de permisos para a realización de queimas nos montes galegos.
Esta decisión ten efectos inmediatos, polo que hoxe mesmo xa non se están a dar máis permisos.
Deste xeito, queda totalmente prohibido levar a cabo este tipo de labores, malia que a persoa responsable da queima teña unha autorización previa da Consellería, dado que con vento a normativa non permite o uso do lume.
Trátase dunha medida preventiva, que se adopta tendo en conta as condicións climáticas previstas para os vindeiros días.