FERNANDO LÓPEZ ASUME O CARGO DE XERENTE NO CD BURELA FS
A xunta directiva do CD Burela FS vén de nomear a Fernando López Otero como o novo xerente da entidade, a proposta do director xeral, José Luis Sáez. Fernando estivo acompañado polo vicepresidente, Manuel Blanco, na súa presentación na sede do club.
A vinculación deste burelao, titulado en Actividades Físicas e Deportivas, coa entidade laranxa retrotráese a 2006, cando asumiu responsabilidades no departamento de Mercadotecnia e Comunicación. Na presente tempada, ademais compatibilizaba esta tarefa co labor de delegado do Burela FS Feminino Pescados Rubén.
A chegada de Fernando López á xerencia da entidade burelista completa a estrutura de dirección e xestión do club, encabezada por José Luis Sáez, como director xeral, e tutelada por Martín G. Rodil, como xefe de Administración e director de Comunicación.