Nota de prensa:
JOSÉ CARLOS PALEO TILDA DE ÉXITO AS XORNADAS GASTRONÓMICAS DA MERLUZA, QUE TIVERON LUGAR A PASADA FIN DE SEMANA. ACIA FOZ PREPARA OUTRAS CAMPAÑAS PARA AS VINDEIRAS SEMANAS.
Foz, 21 de marzo de 2011. O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriales e Autónomos de Foz, José Carlos Paleo, asegura que “as xornadas gastronómicas da merluza, que tiveron lugar a pasada fin de semana, foron un auténtico éxito. Había un festivo por diante, o bó tempo acompañou e iso fixo que moita xente se achegase ata Foz a participar desta nova cita gastronómica e tamén a disfrutar das súas segundas residencias”. Paleo subliña que “estamos moi contentos polo número de visitantes que recibimos e tamén pola implicación da nosa hostalería en todas as actividades que organizamos desde ACIA Foz para dinamizar a nosa vila”.
A Asociación de Comerciantes de Foz traballa agora en varios frentes. José Carlos Paleo explica que “por unha banda, estamos a ultimar os detalles da oitava ruta de tapas, que se celebrará coincidindo coa semana santa e por outra, seguimos a preparar a campaña de fidelización O comercio fai pobo. Compra na túa vila”. O presidente de ACIA Foz agarda ter todo listo “para que as tarxetas poidan ser empregadas a principios do vindeiro mes de maio, é dicir, para que poder facer os agasallos do día da nai. A tarxeta de fidelización permitirá ao clientes obter ventaxas e descontos por mercar nos establecementos asociados que participen no proxecto, algo que xa iremos detallando a medida que se aproxime a data da súa presentación”.
Desde ACIA Foz lembran tamén que o vindeiro 31 de marzo rematará a campaña de entrega de láminas de Foz antigo, que daba comezo o pasado 22 de novembro, “ousexa que os interesados en facerse con elas aínda poden facelo ata finais deste mes”.
José Carlos Paleo tamén anuncia que “xa estamos a traballar tamén unha grande festa de cara ao verán, aínda que de momento non podemos adiantar nada máis”.