Nota de prensa
O CONCELLO E A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE RÚA PROMOVEN OBRAS DE MELLORA NO CAMPO DE FÚTBOL E NUN CAMIÑO DESTE NÚCLEO DE POBOACIÓN
* O proxecto consiste na ampliación e mellora de gradas e pavimentación de accesos no campo de fútbol e na explanación do camiño da Nogueira ó Árbol
* A colaboración consiste na elaboración por parte do Concello do proxecto técnico destas dúas actuacións; o cal será posteriormente utilizado pola asociación veciñal para optar aos programas provinciais de colaboración con entidades veciñais
* O Concello colaborará ademais asumindo a parte económica que tería que aportar a Asociación de Veciños, que ronda os 4.000 euros
Cervo, 5 de marzo de 2011.- O Concello de Cervo promove xunto coa asociación de veciños de Rúa a ampliación das gradas e a pavimentación dos accesos do campo de fútbol desta localidade; xunto coa explanación do camiño da Nogueira ó Árbol, tamén nesta parroquia.
Segundo indicou Yolanda Pedreira, concelleira do grupo de Goberno local, a iniciativa conxunta entre Concello e representantes veciñais é similar á posta en marcha o pasado ano coas obras de mellora de varias pistas neste núcleo cervense. “A colaboración fraguouse a través do alcalde pedáneo de Rúa e consiste na elaboración por parte do Concello do proxecto técnico destas dúas actuacións. Este proxecto serviralle á asociación de veciños para optar ós programas provinciais de colaboración con entidades veciñais” recordou Pedreira.
OBRAS
As obras a realizar consistirán nunha actuación de acondicionamento e pavimentación do acceso Norte do campo de fútbol, retirando a capa vexetal e aportando unha capa de zahorra e aglomerado en quente. Así mesmo ampliaranse as gradas actuais, prolongando as existentes 10 metros.
Por outra banda, tamén se acondicionará o camiño de A Nogueira ao Árbol, explanando e ancheando ata 3 metros; para o cal haberá que demoler os actuais valados existentes e dotará das tajeas necesarias. O orzamento final destes traballos ascende a preto de 16.000 euros (15.939,56 €). “Na actualidade os accesos polo vento Norte do campo de fútbol non están pavimentados e as gradas existentes nel son escasas para os espectadores que adoitan asistir ós partidos da SD Candelaria. Igualmente atópase en mal estado o camiño de A Nogueira ó Árbol” indicou Pedreira.
COMPROMISO MUNICIPAL
A representante local -que onte pola tarde se reuniu cos representantes da asociación e co alcalde pedáneo de Rúa- engadiu tamén que o Concello colaborará ademais aportando a cantidade que en principio lle correspondería aportar á Asociación de Veciños “posto que se trata da mellora dunhas infraestruturas moi demandadas polos habitantes deste núcleo de poboación e cuxa contía ronda os 4.000 euros” salientou Pedreira.
O CONCELLO GARANTIRÁ NOVAMENTE O 25% DO CUSTE DAS OBRAS SOLICITADAS POR ASOCIACIÓNS Á DEPUTACIÓN DENTRO DO PLAN PROVINCIAL DE AMPLIACIÓN E MELLORA DE SERVIZOS DE INTERESE VECIÑAL
Ao fío disto, a concelleira cervense anunciou que o Goberno local garantirá un ano máis o 25% do custe das obras solicitadas polas asociacións e colectivos do concello á Deputación de Lugo ao amparo do Plan Provincial de Cooperación con entidades veciñais.
Segundo indicou Pedreiras, a medida persegue un único obxectivo: “asegurarlles de antemán a estes colectivos que van poder dispoñer, a lo menos, do 25% do investimento necesario para levar adiante as obras que solicitaron á Deputación dentro do Plan Provincial coa entidades veciñais. Deste xeito -asegurou- queremos mitigar dentro da medida das nosas posibilidades a incerteza destes colectivos que, á día de hoxe, non saben aínda se van poder contar coa axuda necesaria das administracións para poder levar adiante os investimentos solicitados; os cales teñen por obxecto a mellora de servizos de interese veciñal. O que pretendemos, en definitiva, é aportar un pouco de seguridade nestes tempos de crise e de incerteza económica aos colectivos que traballan e aportan ideas en favor do conxunto dos seus pobos e aldeas” indicou Pedreira.
Todas aquelas persoas, entidades e colectivos cervenses que teñen solicitado esta liña de axudas provinciais e desexen que o Concello se comprometa con eles a garantirlles o 25% do total do investimento deberán dirixirse ás oficinas municipais para formalizar dita solicitude. Para iso deberán aportar unha copia da subvención solicitada diante da Deputación co obxecto de comprobar que realmente teñen formalizado a solicitude ao organismo provincial.
Nota: Axuntamos imaxes da xuntanza mantida onte pola concelleira Yolanda Pedreira na casa consistorial co alcalde pedáneo de Rúa e un representante do colectivo de veciños deste núcleo de poboación.