Comezan 3 novos cursos do Pacto Provincial polo Emprego co que xa se están formando 300 desempregados da provincia
– Becerreá, Chantada e Vilalba acollen dende hoxe as accións formativas de “Atención Sociosanitaria a Domicilio” e de “Servizos de Restaurante”, dotadas con 640 e 620 horas, respectivamente
– Inclúense nas 45 previstas polo programa co que a Deputación favorece a inserción laboral de 576 parados
– Para facilitar a participación, os seleccionados reciben 400 euros mensuais, a cantidade equivalente ó 75% do IPREM
A Deputación continúa a desenvolver a formación do Pacto Provincial polo Emprego coa que favorecerá a inserción laboral de 576 desempregados da provincia nas profesións con máis futuro en Lugo, e que foron previamente diagnosticadas dentro do programa que está co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo. Precisamente, este xoves deron comezo 3 novas accións formativas en Becerreá, Vilalba e Chantada, nas que están a participar 42 beneficiarios. Nos dous primeiros casos, os Alcaldes destes municipios, Manuel Martínez e Manuel Anxo Taboada, recibiron ós participantes do curso de “Atención Sociosanitaria a Domicilio”, que se desenvolve dende hoxe no Telecentro do municipio da Montaña e no edificio do Novo Concello chantadino, e que está dotado con 640 horas de formación. En Vilalba, iniciouse o de “Servizos de Restaurante” de 620 horas.
Deste xeito, xa son 287 persoas as que están a participar dende o 9 de marzo –data na que a Deputación arrincou a formación- no programa que se está a desenvolver en distintos puntos da provincia para favorecer a participación dos admitidos. Ademais de en Chantada e Becerreá, o curso de “Atención Socionataria” tamén se está a desenvolver en Foz, Ribadeo, Viveiro, A Fonsagrada e Monterroso. En Burela, Palas de Rei, Sarria e Monforte impártese este mesmo pero aplicado a institucións. O de “Servizos de Restaurante” estase a celebrar en Foz e Monforte de Lemos, mentres que Mondoñedo, Sarria e Ribas de Sil acollen o de “Promoción Turística e Información ós Visitantes”, de 730 horas, e, Guitiriz, O Valadouro e Meira, o de “Aproveitamentos Forestais”, que dispón de 640. A vindeira semana comezará o de “Operacións Básicas de Pisos e Aloxamento”, de 420 horas, en Viveiro, Rábade e Sober.
Éxito de participación
A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. A formación consta de máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. Ten un custe 0 para os participantes e os beneficiarios reciben 400 euros mensuais tanto na formación teórica como na práctica; a cantidade equivalente ó 75% do Indicador Público de Renda de Efectos Públicos (IPREM). En total, 1.600 persoas formalizaron as solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas.
En canto á distribución por zonas, dos 576 participantes, 246 pertencen á Concellos da zona centro, na que se impartirán 19 accións formativas; 192 ós municipios da Mariña nos que se desenvolven 15; e 138 ós da zona sur, que acollerán 11 cursos.
O Pacto Provincial polo Emprego, dotado con 3,4 millóns de euros, súmase a outros programa que o organismo provincial ten en marcha para frear o desemprego na provincia, e que contan cun investimento de preto de 15 millóns de euros. Ademais de co Plan Lugo Emprega, a Deputación tamén crea traballo cos 10 centros de día e residencias que construirá noutros tantos Concellos e coa convocatoria de selección dos bombeiros que comezarán a traballar nos parques construídos polo Consorcio a partir do 1 de maio.