Nota de prensa
as mulleres
no mercado laboral
da mariña
secretaría da muller e políticas de igualdade
marzo de 2011
Marzo de 2011
Elaboración: Rede de Axentes de Emprego do S. N. de CC OO de Galicia
Coordinación: Secretaría de Emprego, Economía Social e Autoemprego
índice
1. A poboación
2. O emprego
3. A contratación
4. O paro
O ámbito territorial deste informe é a comarca da Mariña, delimitada segundo os parámetros do S. N. de CC OO, que abrangue as seguintes comarcas: A Mariña Central, A Mariña Occidental, A Mariña Oriental, e o concello de Muras.
1. A POBOACIÓN
Na desagregación da poboación por sexo e procedencia, vemos o predominio feminino cando falamos en termos absolutos; pero a desagregación segundo a nacionalidade mostra que, ao falar de poboación estranxeira, é superior o número de homes que de mulleres na zona de estudo.
Para este traballo utilízanse os datos máis recentes da poboación na comarca, que saíron publicados o 3 de febreiro de 2011 e que corresponden ao ano 2010.
Cadro n.º 1. Poboación por nacionalidade e sexo
española | estranxeira | total | |
Mulleres | 37.191 | 1.790 | 38.981 |
Homes | 34.782 | 2.501 | 37.283 |
Total | 71.793 | 4.291 | 76.264 |
Fonte: Padrón municipal de habitantes. ine. Elaboración propia.
A comarca da Mariña ten unha poboación de 76.264 habitantes, o que supuxo dende o anterior censo unha perda de 462 (cadro 1).
Se desagregamos en primeiro lugar a poboación nacional, vemos que a maior perda corresponde aos homes, que diminuíron en 324. No caso dos estranxeiros, o maior incremento corresponde ás mulleres cunha variación porcentual dun 6,55%.
A desagregación por sexos mostra o dominio feminino na poboación, xa que as mulleres supoñen o 51,11%.
A combinación dos criterios do sexo e a nacionalidade permítenos chegar ás seguintes conclusións:
– A poboación española decrece nun 0,86% con respecto ao anterior padrón, mentres que a estranxeira se incrementa nun 3,85%.
– A perda de poboación masculina foi superior á feminina, dado que os homes diminuíron un -0,73% e as mulleres un -0,48%.
– O incremento da poboación estranxeira feminina acadou un 6,55% mentres que os homes estranxeiros aumentaron un 2%.
A desagregación por faixas de idade mostra os seguintes resultados:
– Dos 0 aos 4, e dos 10 aos 59 anos é maior o número de homes que de mulleres.
- Só dos 5 aos 9 anos, e dos 60 en diante as mulleres superan os homes
– Unha vez superados os 65 anos, o peso poboacional das mulleres acada o 58,02%, xustificado pola súa maior supervivencia.
Cadro n.º 2. Poboación por idade e sexo
mulleres | homes | total | |
0-4 | 1.273 | 1.324 | 2.597 |
5-9 | 1.272 | 1.264 | 2.536 |
10-14 | 1.186 | 1.204 | 2.390 |
15-19 | 1.456 | 1.490 | 2.946 |
20-24 | 1.902 | 2.031 | 3.933 |
25-29 | 2.431 | 2.771 | 5.202 |
30-34 | 2.905 | 3.149 | 6.054 |
35-39 | 2.676 | 2.869 | 5.545 |
40-44 | 2.702 | 2.795 | 5.497 |
45-49 | 2.726 | 2.737 | 5.463 |
50-54 | 2.639 | 2.812 | 5.451 |
55-59 | 2.359 | 2.483 | 4.842 |
60-64 | 2.340 | 2.312 | 4.652 |
65 e máis anos | 11.114 | 8.042 | 19.156 |
Total | 38.981 | 37.283 | 76.264 |
Fonte: Padrón municipal de habitantes. ige. Elaboración propia.
2. O EMPREGO
Outro indicador básico do mercado laboral son os datos de afiliación á seguridade social, que ata decembro de 2010, tendo en conta que na desagregación por sexo se inclúen os réximes xeral, da minería do carbón, autónomos, agrario e mar.
O número de afiliados ao remate do ano 2010 na zona de estudo acada as 26.387 persoas, o que supón unha perda con respecto a 2009 de 1.026 contribuíntes, dos cales o 63,84% son homes e o 36,16% son mulleres.
Hai que sinalar que se ten en conta a suma das persoas afiliadas de cada un dos concellos que constitúen a comarca no último día do mes.
Cadro n.º 3. Emprego segundo réxime da seguridade social e sexo
afiliados á seguridade social | % | |
Mulleres | 11.644 | 44,13% |
Homes | 14.743 | 55,87% |
Total | 26.387 | 100 % |
Fonte: Ficheiros de afiliación á seguridade social. Decembro 2010. Elaboración propia
A desagregación segundo o sexo en termos absolutos mostra que a afiliación feminina diminuíu en 371, e a masculina chega a descender en 655.
En termos relativos, as variacións porcentuais negativas acadan nas mulleres un -3,09% e nos homes -4,25%.
En canto ao peso da representación na afiliación, as mulleres incrementan a porcentaxe pasando dun 43,83% no 2009 a un 44,13% no 2010; baixa un pouco a representación porcentual masculina.
As dez ocupacións máis contratadas no sexo feminino no ano 2010 mostran a realidade do mercado laboral.
Igual que ocorría na comarca de Lugo (que abrangue o resto da provincia non recollido neste estudo), só unha das ocupacións citadas require titulación universitaria, a de enfermería, que aínda hoxe en día está moi feminizada.
A maioría pertencen ao sector dos servizos, pero márcase a existencia de tecido industrial, principalmente conserveiro, e piscicultor que precisa de peoas.
Aínda así, o nivel de cualificación requirido é baixo, polo que tanto as cotizacións coma os salarios van acordes cos postos ofrecidos.
As dez ocupacións máis contratadas recollen o 29,70% de todos os contratos asinados na zona no 2010.
Cadro n.º 4. Ocupacións máis contratadas no ámbito feminino
número | % | |
Camareiros, barmans e asimilados | 1.124 | 25,32% |
Persoal de limpeza de oficinas, hoteis (camareiras de piso) e outros | 949 | 21,37% |
Dependentes e exhibidores en tendas, almacéns, quioscos e mercados | 877 | 19,75% |
Cociñeiras e outras preparadoras de comidas | 370 | 8,33% |
Taquígrafas e mecanógrafas | 218 | 4,91% |
Outros empregados no coidado de persoas e asimilados | 206 | 4,64% |
Auxiliares de enfermaría de atención primaria | 192 | 4,32% |
Enfermeiras | 183 | 4,12% |
Asistentes domiciliarios | 182 | 4,10% |
Peoas de industrias manufactureiras | 139 | 3,13% |
Total | 4.400 | 100 % |
Fonte: ocupacións máis contratadas no ámbito feminino. 2010. Web do Instituto de Cualificacións. Elaboración propia.
A comparativa cos mesmos datos de 2009 mostra que coinciden as dez ocupacións máis contratadas no ámbito feminino para ambos os anos, variando lixeiramente o posto que ocupan, motivo polo que só imos deternos naquelas con variacións máis acusadas: destaca o maior incremento en camareiras, barmans e asimilados con 47 contratos máis, mantendo o primeiro posto, e os auxiliares de enfermaría de atención primaria que rexistraron 174 menos que no 2009.
3. A CONTRATACIÓN
Seguindo coa perspectiva de xénero, continuamos tendo en conta a contratación segundo a idade e a tipoloxía.
Se comparamos os contratos acumulados no 2010 co mesmo dato de 2009, apréciase unha baixada en termos absolutos de 751 contratos, o que supuxo unha variación relativa negativa dun 4,78%.
A desagregación destes datos negativos segundo o sexo mostra que se rexistraron 435 contratos menos nas mulleres, e os homes viron minoradas as súas cifras de contratación en 316. En termos relativos, este dato supuxo unha caída no número de contratos asinados por mulleres dun -6,08%.
Por tramos de idade, os contratos distribúense do seguinte xeito:
Cadro n.º 5. Contratos rexistrados por tramos de idade e sexo
mulleres | homes | total | |
De 16 a 19 | 234 | 371 | 605 |
De 20 a 24 | 1.092 | 1.070 | 2.162 |
De 25 a 29 | 1.425 | 1.337 | 2.762 |
De 30 a 34 | 1.084 | 1.524 | 2.608 |
De 35 a 39 | 877 | 1.116 | 1.993 |
De 40 a 44 | 715 | 856 | 1.571 |
De 45 a 49 | 709 | 746 | 1.455 |
De 50 a 54 | 350 | 745 | 1.095 |
De 55 a 59 | 176 | 292 | 468 |
De 60 a 64 | 48 | 172 | 220 |
65 ou máis anos | 4 | 9 | 13 |
Total contratos | 6.714 | 8.238 | 14.952 |
Fonte: Instituto Galego das Cualificacións. Elaboración propia. 2010
En primeiro lugar destaca que a contratación masculina supera a feminina en máis de 10 puntos (55,10% e 44,90% respectivamente). Así mesmo, o maior número de contratos nas mulleres corresponde con idades comprendidas entre 25 e 29 anos.
O 53,63% dos contratos asinados no 2010 por mulleres pertencen ás idades comprendidas entre 20 e 39 anos.
Como dato salientable, hai que sinalar que unicamente entre os 20 e os 29 anos de idade se recolle maior número de contratos asinados por mulleres que por homes.
Segundo a tipoloxía e o sexo, obtemos a seguinte táboa de contratación no ano 2010.
Cadro n.º 6. Contratos rexistrados segundo modalidade e sexo
mulleres | homes | total | |
Indefinido | 497 | 2.049 | 2.546 |
Indefinido tempo parcial | 204 | 89 | 293 |
total indefinidos | 701 | 2.138 | 2.839 |
Temporais | 3.003 | 4.099 | 7.102 |
Temporais tempo parcial | 2.042 | 974 | 3.016 |
Prácticas/Formación | 109 | 118 | 227 |
Outros | 859 | 909 | 1.768 |
total temporais | 6.013 | 6.100 | 12.113 |
total contratos | 6.714 | 8.238 | 14.952 |
Fonte: Instituto Galego das Cualificacións. Elaboración propia. 2010
Como é habitual, a contratación temporal supera con fartura a indefinida, pois teñen unha representación dun 81,01% e dun 18,99% respectivamente.
Porcentualmente, a temporalidade nos contratos asinados por mulleres é dun 89,56%, así que superan en máis de 15 puntos o recollido no sexo masculino (74,05%).
Hai que resaltar tamén o dato de que na contratación indefinida a situación é inversa: os homes superan, na mesma diferenza, ás mulleres (25,95% e 10,44% respectivamente).
A caída na contratación afectou a case todas as tipoloxías no sexo feminino. A diminución máis grave dáse nos contratos temporais, que baixaron en 169 con respecto a 2009. En termos relativos, o maior descenso porcentual correspóndelle aos contratos de prácticas ou formación femininos cunha porcentaxe dun -31,88%.
4. O PARO
Para continuar coa análise da situación da muller no mercado laboral, temos que facer mención do paro, indicador da crise actual. En primeiro lugar imos facer a desagregación deste dato segundo a idade e o sexo.
Das 4.789 persoas paradas en decembro 2010 na zona de estudo, 2.616 (54,63%) eran mulleres e 2.173 (45,37%) homes.
Cadro n.º 7. Paro por idade e sexo
mulleres | homes | total | |
16-19 | 28 | 56 | 84 |
20-24 | 210 | 222 | 432 |
25-29 | 368 | 326 | 694 |
30-34 | 431 | 337 | 768 |
35-39 | 406 | 273 | 679 |
40-44 | 333 | 241 | 574 |
45-49 | 287 | 202 | 489 |
50-54 | 227 | 190 | 417 |
55-59 | 187 | 176 | 363 |
60-64 | 139 | 150 | 289 |
Total | 2.616 | 2.173 | 4.789 |
Fonte: Instituto Galego das Cualificacións. Elaboración propia. Decembro 2010
O 58,79% do paro feminino ten entre 25 e 44 anos, e cómpre sinalar que son máis homes que mulleres os afectados por esta lacra social, agás dos 16 aos 24 anos, dado que a muller atrasa máis a súa incorporación ao mercado laboral debido a que prolonga os estudos a niveis máis altos que os homes; así mesmo unha vez cumpridos os 60 é maior o número de parados que de paradas.
A comparación cos mesmos datos do ano anterior mostra que só nas mulleres con idades comprendidas entre os 16 e os 19 anos houbo un descenso no paro; pola contra, as máis castigadas son as incluídas na faixa de idade entre os 35 e os 39 anos. En termos relativo, no sexo feminino foron as mulleres entre 55 e 59 anos as que sufriron maior variación porcentual con respecto ao ano anterior, incrementándose un 25,50%.
O nivel académico dos parados por sexos na comarca queda reflectido no cadro 10.
Cadro n.º 10. Paro segundo o nivel académico e o sexo
mulleres | homes | total | |
Ata o certificado escolaridade | 759 | 927 | 1.686 |
Ensino obrigatorio | 782 | 632 | 1.414 |
fp | 514 | 353 | 867 |
bup/bacharelato superior/cou | 235 | 115 | 350 |
Titulacións universitarias | 326 | 146 | 472 |
Total | 2.616 | 2.173 | 4.789 |
Fonte: Instituto Galego das Cualificacións. Elaboración propia. Decembro 2010
A distribución do paro mostra que ata o certificado de escolaridade é superior o número de parados que o de paradas. Unha vez superado este nivel de estudos, son as mulleres as que están máis castigadas pola falta de emprego, chegando a duplicar os homes unha vez superado o bup/bacharelato superior/cou.
Con respecto ao ano anterior, os datos relativos ao sexo feminino máis destacables no tocante ao nivel académico son os incrementos: o máximo en termos absolutos corresponden ás mulleres con estudos de formación profesional, que sumaron 86 desempregadas, mentres que en termos relativos o maior incremento porcentual no sexo feminino pertence ás mulleres con estudos universitarios, cun aumento dun 21,64%.
O cadro 9 mostra o paro nos distintos meses do ano, e o gráfico asociado permite ver onde oscila máis.
Cadro n.º 9. Evolución anual paro por sexos
mulleres | homes | total | |
Xaneiro | 2.477 | 2.051 | 4.528 |
Febreiro | 2.467 | 2.031 | 4.498 |
Marzo | 2.487 | 2.030 | 4.517 |
Abril | 2.513 | 1.949 | 4.462 |
Maio | 2.454 | 1.879 | 4.333 |
Xuño | 2.304 | 1.730 | 4.034 |
Xullo | 2.081 | 1.622 | 3.703 |
Agosto | 2.109 | 1.652 | 3.761 |
Setembro | 2.345 | 1.772 | 4.117 |
Outubro | 2.438 | 1.900 | 4.338 |
Novembro | 2.648 | 2.062 | 4.710 |
Decembro | 2.616 | 2.173 | 4.789 |
Fonte: Instituto Galego das Cualificacións. Elaboración propia. Xaneiro-Decembro 2010
Igual que ocorría na comarca de Lugo, o pico máis alto de paro rexístrase no mes de decembro, pero destaca para as mulleres o mes de novembro. Pola contra, coincide para ambos os sexos o mes de xullo como o que rexistra menor número de parados.
Gráfico n.º1. Evolución anual paro
A xeito de resumo:
– É maior a poboación feminina que masculina.
– A afiliación á seguridade social das mulleres é menor.
– As ocupacións máis contratadas requiren, a maioría, baixa cualificación e corresponden ao sector dos servizos.
– As mulleres con maior número de contratos teñen entre 25 e 29 anos.
– A contratación maioritaria é temporal.
– O perfil da muller parada é: con idade comprendida entre 30 e 34 anos e un nivel académico de ensino obrigatorio.
– Unha vez superado o bup/bacharelato superior/cou, o número de mulleres paradas duplica o de homes.