Nota de prensa:
ANTÓN BAO PRESENTOU OS CIRCUÍTOS BUXIGANGA NO PAZO DE SAN MARCOS
Buxiganga levará en dúas quendas un total de 90 funcións de 22 grupos de teatro a 38 concellos lucenses
LUGO, 21 de marzo de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá na sala de xuntas do pazo de San Marcos a nova fase de circuítos de Buxiganga, acompañado por Paloma Lugilde, como representante do grupo de teatro do Consello da Cultura da Deputación (órgano asesor e consultivo en materias culturais). Ao acto tamén asistiron os actores Eva Cabo, que manexou un monicreque durante a presentación, así como Rafael de la Fuente, de Nova Escena, que ofreceu unha pequena representación ao final do acto, e membros dalgúns dos grupos de teatro que participan nos circuítos.
Na súa intervención, Antón Bao afirmou que este proxecto é “un dos que máis satisfaccións nos proporciona na Área de Cultura da Deputación, non só pola súa repercusión nos grupos de teatro xa existentes, senón porque ao redor de Buxiganga aparecen cada ano novos grupos de teatro afeccionado”. Por isto, e como explicou o vicepresidente, “a pesar da situación económica, dende a Área de Cultura apostamos por manter o compromiso cos grupos de teatro e tamén cos concellos, aos que co programa Buxiganga se lles axuda a programar a súa oferta cultural”.
Este ano, 6 grupos se unen aos circuítos: Alentía (Palas de Rei), Casamanita de cartón (Lugo), Faro Miño (Chantada), Os Baluros (Castro de Rei), Parápono (Lugo) e Rebuldeira (Sarria). En total, 200 actores e actrices das 22 agrupacións que participan, representarán 90 funcións que están programadas en 38 concellos da provincia. O vicepresidente afirmou que “estamos moi satisfeitos con Buxiganga, ademais de polas representacións, pola parte formativa do proxecto, xa que é moi interesante para os actores e actrices e axuda a mellorar os recursos”. Bao manifestou o seu agradecemento aos grupos de teatro polo traballo que realizan, e explicou que “a Área de Cultura pretende achegar a estas agrupacións os recursos necesarios na medida do posible, para que continúen estendendo entre os galegos e galegas educación, formación e cultura”.
Pola súa banda, Paloma Lugilde agradeceu á Vicepresidencia Primeira da Deputación por ter posto en marcha Buxiganga, xa que “había moito tempo que non había un interese polo teatro desde as institucións como o que se demostrou dende a Área de Cultura ao poñer en marcha este proxecto”. Lugilde explicou que “se farán 2 quendas, a primeira do 2 de abril ao 10 de xullo, e a segunda do 3 de setembro ao 20 de novembro, os sábados e os domingos”. Afirmou que “o bo traballo que se fai dende Buxiganga está a producir os seus efectos e reflectindo como o teatro afeccionado, de base, é o xermolo para poder nun futuro edificar unha industria cultural teatral en Lugo”.
Explicou no centro de Lugo hai 9 grupos: Achádego (Lugo), Os Baluros (Castro de Rei), Rabela (Baralla), Casamanita de cartón (Lugo), Hipócrita (Lugo), Nova Escena (Lugo), Parápono (Lugo), Pinchacarneiro, que pretende a inserción das persoas con discapacidade ou enfermidade mental (Lugo), Zampalladas (A Pastoriza). No norte de Lugo participan 7 grupos: A Adala (Foz), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz), Teatro Crea (Viveiro), e Raiolas (Alfoz). No Sur están os grupos Metátese e Alentía (Palas de Rei), o grupo da Biblioteca de Antas de Ulla (Antas de Ulla), Falcatrueiros (Monterroso), Faro Miño (Chantada), e Rebuldeira (Sarria).
A Área de Cultura puxo en marcha este programa para potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego da nosa lingua no teatro en galego e que cumpra a súa importante función de cohesión e integración social. Con este programa todos os grupos lucenses de teatro teñen a posibilidade de aumentar o número de representacións das súas montaxes teatrais. A Área de Cultura conta ademais cun bolseiro que presta a súa colaboración nas tarefas de organización e programación das representacións, así como outras liñas de traballo que se engloban dentro de Buxiganga como é a investigación e publicación, recuperación da historia teatral de Lugo, proporcionar recursos para os grupos e manter a interrelación entre grupos de teatro para que poidan intercambiar experiencias.