Avaros, egoístas, insolidarios e cabróns pero non tontos
redac
Os defensores do sistema capitalista aventan con machacona insistencia que o capitalismo contribuíu ao progreso da humanidade máis que calquera outro modelo anterior. Ata a retórica empregada para vender a burra é dunha lóxica esmagadora e ten, en aparencia, un fondo ético incuestionable: posto que os humanos somos malos, egoístas e retortos, o sistema capitalista aproveita todas esas pulsións cabronas para que o mal reme a favor do ben. Movido pola avaricia e o desexo de forrarse, o capitalista inventa coches, teléfonos móbiles, implantes dentais e mamarios, máquinas comecartos, as accións en bolsa, as autoestradas de peaxe e o plan de beleza Pond´s en sete días. Bens e servizos onde o único obxectivo é que se lle saian polas orellas os billetes ao capitalista pero que redundan nun beneficio para o conxunto da sociedade, que goza deles e mellora o seu benestar, previo paso por caixa. É como aproveitar a merda, para botar estrume no horto e criar uns tomates de dous quilos. Non hai mal que por ben non veña. Pero todo nesta vida ten o seu lado escuro e inconfesable. Aínda que é certo que moitos bens e servizos satisfán necesidades, outros créanas . A moda por exemplo: cambiar cada ano o ancho de pantalóns, das faldas ou de modelo de lentes. O sistema capitalista baséase no consumo, na necesidade de pasar por caixa constantemente: cambiar o cartucho da impresora que custa máis ca impresora, mercar un xersei novo porque o anterior, logo de tres lavados, está cheo de pelotillas, tomarse sete caixas de pastillas ao mes para aliviar as dores do estómago. Ata hai malpensados que cren que os laboratorios inventan enfermidades e propagan virus para despois vendernos o remedio, pinga a pinga. Cren vostedes que o “sistema” poría no mercado un tecido que durase toda a vida, unha pastilla que cunha soa toma eliminase as caries para sempre ou unha crema que cunha untada fixese desaparecer os surcos da fronte para sempre? Os capitalistas poderán ser avaros, egoístas, insolidarios e cabróns. Todo o que vostedes queiran, menos tontos. Usar e tirar. Consumir. Pasar por caixa.