Nota de prensa
A SEXTA EDICIÓN DO RIBADEO DE TAPEO CELEBRARÁSE DO 30 DE ABRIL AO 8 DE MAIO. OS ESTABLECEMENTOS INTERESADOS EN PARTICIPAR PODEN INSCRIBIRSE NO CONCELLO ATA O VINDEIRO 25 DE MARZO.
Ribadeo, 11 de marzo de 2011. A sexta edición do concurso de tapas Ribadeo de tapeo celebraráse do 30 de abril ao 8 de maio, segundo anunciou no día de hoxe o alcalde, Fernando Suárez. Os establecementos interesados en participar poden inscribirse no Concello ata o vindeiro 25 de marzo.
O rexedor manifestou que “un ano máis e xa chegando á súa sexta edición, imos desde o Concello de Ribadeo co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo celebrar o concurso de tapas Ribadeo de tapeo. Este evento, que xa empeza a ser un clásico, está moi consolidado en Ribadeo, é un foco de atención de atracción de moitísima xente non só de Ribadeo senón tamén da comarca da Mariña e do Occidente asturiano, que durante varios días se achegan á nosa vila a degustar as mellores tapas elaboradas polos nosos mesóns, bares e restaurantes”.
Suárez Barcia sinalou que “si o ano pasado foron un total de 49 os establecementos que se embarcaron nesta iniciativa agora queremos poñer en marcha esta nova edición. Os interesados en participar poden anotarse ata o 25 de marzo ás 14 horas e presentar as súas candidaturas nas oficinas do Concello”.
O alcalde subliñou que “o Ribadeo de tapeo deste 2011 terá lugar do 30 de abril ao 8 de maio, collendo dúas fins de semana. É unha época un tanto baixa despois da semana santa e antes do verán e sempre nos parece axeitado facelo en tempadas nas que non se produza moito movemento económico, porque precisamente o que perseguimos é dinamizar ao sector comercial e hostaleiro, un dos máis potentes que temos”.
No concurso de tapas deste ano “haberá algunha novidade como que cinco días despois de efectuarse as inscricións enviaremos un fotógrafo a cada establecemento para que poida obter unha imaxe da tapa ou o pincho que van dar e logo poder incorporalo ao libriño que repartiremos como todos os anos. O obxectivo é que os clientes saiban que é o que van comer e o que van ver en cada sitio dos participantes. Logo haberá premios dun xurado especializado, premios do público, pero en definitiva o que queremos é voltar a reunir aos milleiros de persoas que cada ano se achegan a Ribadeo a disfrutar desta cita”. Suárez Barcia está convencido de que “ os establecementos participarán de maneira masiva, por iso queremos convidalos a que se anoten na Axencia de Desenvolvemento Local de Ribadeo ata o vindeiro 25 de marzo”.