NOTA DE PRENSA
A cita tiña por obxecto recadar fondos para a Comisión de Festas do Carme e Maruxaina
2.300 PERSOAS ENCHERON A CARPA DO FESTIVAL DO OURIZO DE SAN CIPRIÁN NO QUE SE SORTEARON 6.000 EUROS
Oscar López de Mondoñedo foi agraciado co primeiro premio de 4.000 euros. O segundo, dotado con 2.000 euros quedouse en San Ciprián e foi para Eduardo González.
Elvira Basanta foi a gañadora da estancia dunha semana no balneario de Oca de Pantón, cortesía da ACIA de San Ciprián.
Ademais da espectacular actuación da orquestra Philadelphia que non deixou indiferente a ninguén coa súa boa música, variados ritmos e coas impresionantes voces dos seus intérpretes, o Festival do Ourizo sorteou 6.000 euros en premios. As rifas previamente distribuídas na maioría dos establecementos comerciais da comarca, que se adheriron á promoción, fixeron viaxar o primeiro premio ata Mondoñedo, pois o agraciado cos 4.000 euros foi Oscar López, veciño desta localidade quen adquiriu a rifa por mercar nun dos establecementos da ACIA desta localidade. O segundo premio quedouse na vila anfitriona, San Ciprián, e dotado de 2.000 euros foi a parar a Eduardo González, veciño de Lieiro. Finalmente Elvira Basanta foi a gañadora da estancia dunha semana no balneario de Oca de Pantón, un agasallo cortesía da ACIA de San Ciprián. Esta última resultou premiada grazas a unha rifa entregada como agasallo complementario tras adquirir a entrada ao Festival do Ourizo.
AGRADECEMENTO
A comisión organizadora agradece unha vez máis as institucións, asociacións de comerciantes e colectivos que colaboraron para facer realidade o Festival do Ourizo e moi especialmente aos veciños da comarca pola notable acollida. A Comisión de Festas significou nomeadamente o apoio ofrecido polos concellos de Cervo, Vicedo e Barreiros e das ACIAS de Mondoñedo, Xove, Foz e A Pontenova e San Ciprián sen cuxa axuda non lograrían o éxito acadado.