O vindeiro sábado é día de San Xosé, nome que víu a menos no uso onomástico por mor da chegada de nomes mais ou menos exóticos cos que hoxendía se nomean boa parte dos meniños; pero que conserva a significación no ámbito familiar, polo que pode decirse que ese día hai festa na maioría dos fogares. Os Xosés, Pepes e Pepitas, e tódolos pais, celébrano, e aínda na nosa nenez tiña un encanto engadido: decíase que tal día casaban os paxaros, co que de fermoso e ilusionante tiña o suposto. Pero hai un lugar no que a festividade ten un especial tinte romántico, pois arrodéase dos ingredientes para que sexa así: a música, a nouturnidade e a moza asomada ó balcón; isto sucede en Ferrol, na chamada “Noite das Pepitas”, en que as agrupacións musicais –guitarras, bandurrias, laudes e violíns – saen á rúa e rondan ás ferrolás que levan tal nome, ofrecéndolles as súas cancións; serenatas que rematan diante do Concello onde ten lugar o concurso de rondallas. Ferrol foi, de sempre, terra de músicos. A existencia de bandas militares foi un bó semilleiro. Canda nós, algúns lectores lembrarán os nomes de vellas orquestras daquela bisbarra:“Bellas-López”,“López-Malde”,“Bellas-Farto”,“Saratoga”,”Copacabana”,”Beceiro”,“Lamas-LaPiña”, “Los Players”, Trébol, etc. A afección á música coral prodigábase nos pobos da ría, de cuxas actividades existen testemuñas dende 1860; o coro “Toxos e Frores”, o decano dos galegos, nacía en 1915. O gusto por interpretar as tonadas de moda deriva á creación de colectivos que xurden arredor do Antroido e San Xosé. Moitos dos improvisados cantores eran traballadores dos esteleiros e o nome de Xosefa estaba moi extendido entre as familias e as noivas. Os grupos de amigos, que se xuntaban nas barberías, terían ocasión de amosar o resultado das horas de ensaio, formando colectivos para ofrecer as súas melodías ás mulleres amadas e, acaso sen sabelo, dar orixe a un espectáculo coral da maior aceptación popular. Dende aquel fermoso vals de 1898, cuxos primeiros versos dín: “Cuando la luz duerme / el céfiro calla. / Si de una rondalla / oyes el rumor, / escúchala y deja / que su amante trova / lleve hasta tu alcoba / los ecos de amor”/ ata hoxe, son centos as cancións que, dun xeito romántico, cortés e nostálxico, cantan a fermosura e o engado da muller ferrolá.
Suso Fernández