Nota de prensa
O Concello de Foz dá o pistoletazo de saída para que os traballadores/ras municipais ocupen, dentro de un tempo prudente, a nova nave Municipal feita no Polígono Industrial e que albergará a Brigada de Obras Municipal, por unha parte e, por outra, un Centro Ocupacional de Formación Permanente. Así mesmo, anexo ao edificio queda un espazo libre para a montaxe de invernadoiros e outras actividades para cursos de formación.
O edificio consta de dúas naves anexas cunha superficie total de 1.500 m2 útiles. Constan de tres plantas, incluída baixo cuberta. Nas mesmas se albergan: garaxes, vestiarios, oficinas, aulas de formación. É dicir todo o necesario para o día a día da Brigada de Obras Municipal, así como para os distintos cursos a impartir na nave dedicada a formación.
O Alcalde manifesta que por fin rematamos algo importante e que custou suor e esforzo, debido á crítica permanente da Oposición Municipal, pois o Concello non tiña presuposto para facer esta nave dun tirón e foi facendo a mesma por fases, como ía podendo, utilizando diñeiro de distintas Administracións como Plan E do Goberno do Estado, Escola Obradoiro da Xunta do Goberno Bipartito, Obradoiro de Emprego do Goberno Bipartito e esforzo dos traballadores municipais, sen nin un só euro do actual Goberno da Xunta. Por iso o Partido Popular non fai máis que atacar esta importante instalación tan necesaria para o Concello de Foz.
O valor da nave e costo da mesma supera a cantidade de 800.000 euros.