Comemórase o día 8 do actual, o Día Internacional da Muller, unha idea que xurdíu a finais do século XIX, en plena revolución industrial e durante o auxe do movemento obreiro; loita xa emprendida na antiga Grecia e reflectida por Aristóteles na súa obra “Lisistrata”. Sería, sen embargo, a primeiros do S.XX cando se comezou a proclamar, dende diferentes organizacións internacionais de esquerdas, a celebración dunha xornada de loita específica pola muller e os seus dereitos. É sabido que é ésta acaso a mais importante reivindicación universal dos dous últimos séculos a prol da dignificación social, legal e moral da muller, e Galicia non é unha excepción. O tráxico incendio na fábrica Triangle da cidade de Nova Iork, en 1908, no que morreron mais de 140 xoves traballadoras, deu pé a que a ONU decrarase tal data coma ésta dos anos sucesivos, de exaltación da muller, a celebrar en todo o mundo, para lembranza da fonda inxustiza que vive o colectivo das femias, e tamén de enérxica reclamación pola normalización de tan nefasta como inxusta situación. O movemento femenista desenvolve un papel importante neste eido e ilustres mulleres galegas da cultura: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Filomena Dato, autora do celebrado poema “En defensa de la mujer”, foron insignes e avanzadas voceiras do devandito colectivo. É certo que o obxetivo que se persegue non se acadou na súa totalidade e que posiblemente tarde en lograrse; hai que recoñecer, sen embargo, que os avances neste campo,¡faltaría mais!, foron espectaculares, como todos podemos constatar Baste, para percatarse, lembrar os versos escritos por Curros Enriquez, hai mais de cen anos, referido ò papel da muller galega e a súa dispoñibilidade na sociedade: “Na miña terra, unha moza,/ para coas xentes se levar, /ten que barrer, cociñar, /rezar, fíar e ir á roza. / A folgazana non goza / de sona, nin lado ten; / fóxenlle os homes de ben, / mora en cabana sen tella / e morre solteira e vella, / sen que a encomende ninguén”. Xa ve, lector amigo: nada que ver co de hoxe. Ditosamente.
Suso Fernández