Nota de prensa 1/2
ALFONSO VILLARES CUALIFICOU A POSTA EN MARCHA DA NOVA ETAP DA SENRA COMO “UN PROXECTO QUE GARANTIRÁ O FUTURO DOS CONCELLOS DE CERVO E BURELA”
*
O rexedor recoñeceu que fora precisamente o subministro de auga un dos puntos de maior controversia entre os veciños de ámbolos dous municipios e salientou que esa polémica xa estaba felizmente superada
*
Villares salientou tamén que esta nova rede de abastecemento traerá consigo a eliminación dos dous puntos de captación de auga mediante bombeo que existían no termo municipal de Cervo e posibilitará que os veciños dos dous municipios teñan un subministro nas mesmas condicións
Cervo 11 de marzo de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lembrou durante o acto de inauguración da nova estación de tratamento de auga potable da Senra que esta instalación xurdiu tralo proceso de segregación dos concellos de Cervo e Burela e salientou a unión novamente destes dous territorios nun proxecto en común. “Despois de que no ano 95 Cervo e Burela tomaran camiños diferentes volvemos agora a ter un proxecto en común” sinalou Villares. Ao fío disto o rexedor recoñeceu que fora precisamente o subministro de auga un dos puntos de maior controversia entre os veciños de ámbolos dous municipios e salientou que esa polémica xa estaba felizmente superada. “Esas diferencias son xa afortunadamente tempos pasados e polo tanto, o futuro témolo que construír paso a paso e esquecernos das nosas discrepancias” dixo.
O alcalde salientou tamén que esta nova rede de abastecemento traerá consigo a eliminación dos dous puntos de captación de auga mediante bombeo que existían no termo municipal de Cervo e se conseguirá que os veciños dos dous municipios teñan un subministro nas mesmas condicións. Neste senso lembrou que ata este momento existía un desequilibrio no abastecemento de auga entre os dous concellos, xa que Burela abastecíase de auga por gravidade, mentres que Cervo e San Ciprián tiñan que bombear o seu subministro.
Para o rexedor cervense, o resultado de tantos anos de negociación e de construción para conseguir materializar este ambicioso proxecto é algo satisfactorio porque con el se garantirá permanentemente o subministro de auga para os veciños dos dous concellos e se conseguirá mellorar a calidade da auga subministrada, “unha queixa que tiñamos presente os alcaldes dos dous concellos” dixo Villares.
O alcalde cervense apuntou tamén que a posta en marcha desta nova ETAP e a conseguinte eliminación dos puntos de bombeo nos ríos do termino municipal posibilitará que o caudal de ríos como o Xunco non se vexa minguado na época de secas “e deste xeito garantiremos tamén o caudal ecolóxico deste río que pasa polo conxunto histórico-artístico de Sargadelos” indicou. Por último, o rexedor transmitiulle ao presidente da Xunta de Galicia e ao conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas o agradecemento en nome dos dous concellos “pola vontade e pola magnifica predisposición que tiveron para facer posible esta obra; unha obra que vai ser para o disfrute de todos os cidadáns de Cervo e de Burela”
Nota de prensa 2/ 2
A posta en servizo da mellora do abastecemento a Cervo e Burela, que contou cun investimento de 7 millóns de euros, beneficiará a 15.000 persoas
Avanza que desde abril de 2009 a Xunta licitou 205 novas obras hidráulicas, o que supuxo un investimento público total de 375 millóns de euros
Feijóo salienta que o 52% das actuacións que conforman o Plan de Infraestruturas Hidráulicas están en marcha ou rematadas
*
“Estamos cumprindo os obxectivos que nos marcamos para que Galicia conte cun sistema de depuración propio do século XXI, con especial intensidade no que se refire ao saneamento das rías”, asevera
*
Remarca que a posta en servizo da mellora do abastecemento a Cervo e Burela, que contou cun investimento de 7 millóns de euros, beneficiará a 15.000 persoas
*
Lembra o esforzo investidor da Xunta na Mariña, que en 2011 se incrementou nun 47%, co obxectivo de facer desta zona “un territorio atractivo para investimentos e emprego” e un territorio “atractivo para vivir”
*
Compromete o apoio do Goberno galego na mellora das oportunidades industriais da Mariña, co Plan Impulsa Lugo; das oportunidades económicas, co novo proxecto de acceso ao porto de Burela; das oportunidades de benestar, coa ampliación do Hospital da Costa; ou das oportunidades de comunicación, coa Vía de Alta Capacidade Costa Norte, que xa está en execución ou expropiación ao 40%
Cervo (Lugo), 11 de marzo de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que desde abril de 2009, o Goberno galego leva licitadas 205 novas obras hidráulicas, o que supuxo un investimento público total de 375 millóns de euros. Isto, segundo salientou, significa que se licitou unha obra de saneamento ou abastecemento cada tres días, co que, asegurou, “o 52% das actuacións que conforman o Plan de Infraestruturas Hidráulicas [que conta cun investimento de 822,5 millóns de euros] están en marcha ou rematadas”.
Durante a súa intervención no acto de posta en servizo da mellora do abastecemento a Cervo e Burela, o mandatario galego incidiu en que se están a cumprir os obxectivos marcados “para que Galicia conte cun sistema de depuración propio do século XXI, con especial intensidade no que se refire ao saneamento das rías”, subliñou. A este respecto, argumentou que xa se teñen dado pasos “importantísimos” para cumprir a normativa europea e para executar aquelas depuradoras nos concellos de máis de 2.000 habitantes, como a depuradora de Vigo, a de Ribeira, a de Ribadumia ou a de Ribadeo.
Así mesmo, engadiu, estase a cumprir o programa de actuacións para garantir as necesidades actuais e futuras de abastecemento de auga potable a todos os núcleos de poboación superiores a 50 habitantes “en cantidade e calidade”, o que supón o 92% da poboación de Galicia.
Máis de 7 millóns de euros e beneficio a 15.000 persoas
O presidente da Xunta amosouse satisfeito pola posta en marcha da mellora do abastecemento a Cervo e Burela, porque, dixo, é un paso “que garante o subministro de auga con garantías de cantidade e de calidade”. Unha actuación que supuxo un investimento de 7 millóns de euros e máis de 37 quilómetros de conducións e canalizacións que beneficiará a 15.000 persoas.
“A posta en servizo desta infraestrutura supón un importante avance no desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Hidráulicas da Xunta de Galicia”, incidiu, asegurando que esta infraestrutura tamén pon de manifesto que “estamos cumprindo en tempo e forma, e mesmo mellorando as expectativas en materia de saneamento e abastecemento, dun planeamento que supón un investimento de 822,5 millóns de euros e que estamos materializando cada semana”, engadiu.
Incremento do 47% do esforzo investidor en 2011 na Mariña
Feijóo incidiu, ademais, no apoio institucional que o Goberno galego lle está a dar a toda a zona da Mariña lucense, un esforzo, argumentou, que ten o seu reflexo nos orzamentos deste ano: en 2011 o esforzo investidor da Xunta incrementouse nun 47% nas grandes infraestruturas que se executan e nos grandes servizos que se prestan na Mariña, para facer desta zona “un territorio atractivo para investimentos e emprego” e un territorio “atractivo para vivir”, apostilou.
O presidente da Xunta lembrou tamén a liña de axudas por valor de máis de 5 millóns de euros que o Executivo autonómico puxo en marcha de forma inmediata para restaurar a normalidade nas estradas, nas infraestruturas hidráulicas e nas vivendas tras os danos provocados polos temporais do verán pasado, ou a aposta polas novas oportunidades na Mariña lucense. Novas oportunidades industriais, explicou, como as que facilita o Plan Impulsa Lugo; novas oportunidades económicas, apoiando os sectores importantes coma o pesqueiro, como pon de manifesto o sometemento a información pública do novo proxecto de acceso ao Porto de Burela; oportunidades de benestar, como as que garantirán as obras de ampliación do Hospital da Costa; ou oportunidades de comunicación, como a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, que xa está en execución ou expropiación ao 40%.