Nota de prensa
A LIGA CÉLTIGA GALAICA DEMANDA O ARRANXO E PROTECCIÓN DA BÁSCULA DE CORRELOS
PROPOSTA DA LCG AO CONCELLO DE ALFOZ
Os factores invernais deterioraron o tellado da histórica BÁSCULA DA FEIRA DE CORRELOS, varias lousas racharon e outras desapareceron, ficando ao aire os cangos da estrutrura.
Se non se arranxa este comezo de deterioro, córrese o perigo de que en pouco tempo a construción estea sen tellado, e a chuvia vaia prexudicando as pezas e o mecanismo do interior, é dicir, a propia báscula.
Por outra banda, deberían revisarse as pechaduras das portas, xa que unha das entradas ten pedras arrimadas pra que non se aibra.
Outra medida que debería tomarse é, realizar unha limpeza interior periódica.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A Báscula da Feira de Correlos forma parte da historia da parroquia de Mor e do Concello de Alfoz, é un elemento propio das tradicións comerciais rurais (nela pesábanse os xatos que se ían mercar ou vender na feira) e da idiosincrasia local.
A Feira de Correlos tiña lugar o primeiro mércores de cada mes, e a construción da que falamos é de mediados dos anos ’40, anteriormente a esta data a báscula estaba protexida por un cobertizo de madeira, mais a febleza desta protección obrigou á construción dun caseto de pedra e lousa.
A pesaxe dos xatos era un servizo público, controlado normalmente por un empregado municipal -ou ou veciño con licenza, en Correlos tamén exerceron como pesadores os taberneiros locais- que cobraba aos veciños que se achegaban para pesar xatos.
Inda que está en desuso debido á desaparición das feiras de gado vacún hai máis de vintre anos, non debemos deixar que desapareza este ben público que constitúe un elemento vivo da historia, da identidade e da cultura do noso povo.
Por outra banda, a LCG desexa divulgar a convocatoria do seu vindeiro roteiro: Será o sábado 9 de abril, baixo o lema 9º Encontro de Amigos/as nos Penidos, na contorna dos cumios do mesmo nome, na parroquia de San Tomé (O Valadouro), comezará ás 10:30 h., no curro de San Tomé e guiarase polo seguinte itinerario: NECRÓPOLE DO PADORNO, AS CURUXEIRAS, O PRADO DAS CHANTAS, PENA TEIXEIRA, CHAIRA DOS PENIDOS, PEDRAFITA DAS CURUXEIRAS, AS PARAÑOAS, e de novo no CURRO DA RAPA DAS BESTAS onde xantaremos, cómpre lembrar que todos os participantes deberán levar o seu xantar.
Ás 21:00 h., terá lugar unha cea de confraternidade no Bar San Pedro, de Alfoz.
Quen desexe máis información ou apuntarse na cea pode dirixirse ao 600 37 83 63 ou no enderezo electrónico mensaxe2@hotmail.com