Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fruga denuncia que a Xunta pon atrancos para que saian da crise as explotacións agrarias

Nota de prensa

FRUGA DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALIZA PON ATRANCOS PARA QUE SAIAN DA CRISE AS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS GALEGAS

A Consellería do Medio Rural elimina as novas solicitudes do C.E.S. no 2011

O Contrato de Explotación Sustentable (CES), enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, destinado á mellora do medio ambiente e do entorno rural e para o uso sostible das terras agrícolas. Inclúe diversas axudas dirixidas a remunerar aos agricultores polas funcións territoriais, sociais e ambientais que se derivan de determinados sistemas agrícolas e gandeiros, pretendendo tamén reforzar a sostibilidade das explotacións.

O contexto no que se atopa o sector agrario galego é crítico. Por unha banda, o prezo dos cereais, dos fertilizantes e dos combustibles permanentemente á alza provocan que se disparen os custos de producción, e pola outra, o estancamento dos prezos recibidos polos alimentos producidos, fai que se disminúa a renta agraria poñendo en perigo a viabilidade de moitas das nosas explotacións.

Os expertos do sector agrario permanentemente fan referencia a que unha das vías para aumentar a rendabilidade das explotacións é a de reducir os custos de producción por medio do aumento da base territorial e de prácticas mais sustentables e con menos dependencia de insumos externos.

Ese, precisamente é o obxectivo do CES, composto por liñas de axudas enfocadas a primar económicamente ás explotacións que decidiron dirixir o seu modelo productivo cara sistemas máis sustentables de produción e co medio ambiente, reducindo custos en piensos e fertilizantes, e primando os aproveitamentos forraxeiros como base da alimentación dos animais.

Por todo iso, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, resúltanos incomprensible como a Xunta de Galiza non da opción a tramitar novas solicitudes do CES na convocatória do 2011, deixando a un lado as explotacións que apostan por um modelo productivo con mellores perspectivas de futuro.

Tampouco comprendemos como se desprotexe ás comarcas máis desprotexidas de Galiza; boa parte das explotacións que reciben o CES atópanse nas zonas agrícolas desfavorecidas de montaña e de despoboamento, co cal se agudiza o problema de perda de poboación do rural.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural ten unha actitude de relentizar as axudas do CES no seu conxunto, sen acabar de pagar a totalidade dos expedientes do 2009 e coas novas solicitudes do 2010 aínda sen resolver.

Compre lembrar que é ainda mais incomprensible tendo en conta que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta de Galiza e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, polo que somente o 21.22 % do total vai a cargo dos orzamentos da Consellería do Medio Rural.

Exit mobile version