Nota de prensa:
A elite nacional de surf fará de embaixadora da Mariña luguesa
-Os mellores surfistas nacionais daranse cita na Mariña ós días 11, 12, 13 de marzo no “Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo”, co fin de promocionar ó exterior a costa luguesa e dar a coñecer o seu potencial turístico e deportivo
-Os campións protagonizarán un campamento medioambiental gratuíto para todos os públicos e idades que inclúe: ensinar a surfear a todos os interesados con préstamo de material sen custe algún, facer un treito do Camiño da Costa para reivindicar o seu recoñecemento, etc.
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves en Ribadeo “Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo”. Trátase dun evento que reunirá á elite española de surf na Mariña os días 11, 12, e 13 de marzo para facer de embaixadores da costa lucense, e que ten por obxectivo impulsar ó exterior esta zona mediante a posta en valor da súa riqueza medioambiental, turística e o deporte. Para elo, a Deputación conseguiu a adhesión dos mellores profesionais de surf español, moitos deles campións europeos, que participarán en todas as actividades: os galegos Gony Zubizarreta, Jaji Iglesias e Pablo Romero; ademais de Kepa Acero, Jonathan González, Pablo Solar, Iván Vilalba, David Sastre, Pablo Guitérrez, Hodei Collado, Adur Letamendía e Indar Unanue.
Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo organizador do evento e propietario do establecemento ribadense “Hola, ola”, David Martínez, salientou que “esta é unha forma nova e imaxinativa de impulsar a Mariña no inverno conseguindo desestacionalizar a promoción dos máis de 100 quilómetros de costa”. Membros do clube “Surfiños” de Foz tamén colaboran con esta iniciativa.
As actividades, abertas ó público de calquera idade e totalmente gratuítas, comezarán a desenvolverse ó venres, 11 de marzo, ás 18:00 horas, coa presentación do evento e dos participantes no Hotel Fogar do Mariñeiro de Ribadeo. O sábado 12, ás 10:00 horas, os deportistas, xunto con todas as persoas que o desexen, farán unha demostración de surf buscando os xiros máis espectaculares
–denominada Expression Session- que terá lugar nas praias de Ribadeo. O mar condicionará os lugares do encontro polo que, días antes, a web oficial do campamento informará puntualmente de cada localización: km0surfcamp.deputacionlugo.org. Tamén a Deputación ten aberto outro canal na rede social máis popular en España para recoller comentarios do evento: www.facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo.
Ese mesmo sábado, ás 14:00 horas, os deportistas farán unha visita para promocionar a Praia das Catedrais –o segundo lugar máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago-, e ás 17:00 horas realizarán un treito do Camiño da Costa, partindo dende a Illa Pancha, co fin de apoiar á Deputación no recoñecemento desta ruta peregrina.
Ás 18:30 horas, chegará o momento da demostración de wake-surf nocturno na ría de Ribadeo para, as 21:30 horas, entregar os galardóns da exhibición de surf e dar paso a unha festa surfera no local Ribazo de Ribadeo con proxección de vídeos da costa luguesa. O domingo, 13 de marzo, a praia da Rapadoira de Foz será escenario dunha nova sesión de surf a partir das das doce da mañá ata o mediodía. Todos os interesados en participar que non dispoñan de equipamento, poderán reservalo de xeito gratuíto chamando con antelación ó 982-120-064.
Os surfistas chegarán acompañados de blogueiros e prensa especializada, polo que a promoción da Mariña está asegurada.