Nota de prensa
NAVA CASTRO E RAQUEL ARIAS TRASLADAN ÁS PRAZAS DE ABASTOS DE VIVEIRO E RIBADEO O APOIO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA COMO AXENTES DINAMIZADORES DA ACTIVIDADE COMERCIAL
* A directora xeral de Comercio e a delegada territorial destacaron que tanto as prazas como os Centros Comerciais Abertos teñen un posicionamento estratéxico no desenvolvemento da actividade comercial de proximidade”
* O departamento autonómico destinou durante o pasado ano preto de 420.000 euros para impulsar o tecido comercial das dúas localidades da Mariña
Viveiro, 10 de marzo de 2011.- A directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron hoxe as prazas de abastos de Ribadeo e Viveiro. Durante a visita, as representantes do Executivo galego salientaron o apoio da Consellería de Economía e Industria a estes importantes espazos comerciais como dinamizadores e potenciadores da actividade comercial nas nosas vilas e cidades.
Nava Castro, que mantivo encontros coas praceiras e praceiros dos dous mercados de abastos para escoitar as súas demandas, lembrou que o departamento que dirixe Javier Guerra adxudicou o ano pasado unha partida global de 3,33 millóns de euros para a dinamización de 15 Prazas de Abastos e 49 Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas ao abeiro das axudas establecidas no programa de subvencións destinadas a mellorar a competitividade destas organizacións comerciais.
En Ribadeo, Economía e Industria investiu 263.777 euros no seu comercio durante o ano 2010 a través de distintas liñas de axuda. Así, a directora xeral, destacou a posta en marcha de actividades e campañas de dinamización económica, “un aspecto no que queremos incidir para atraer a un maior número de clientes aos mercados”, explicou Castro.
En concreto, Nava Castro sinalou que “tanto as Prazas de Abastos como os Centros Comerciais Abertos teñen un posicionamento estratéxico no desenvolvemento do comercio galego de proximidade”, de xeito que conforman un obxectivo estratéxico do Goberno galego establecido no Plan Ágora-Agora re-Comercia, dotado con case 130 millóns de euros.
Polo que respecta a Viveiro, a directora xeral agradeceu o interese das praceiras e praceiros polo desenvolvemento do espazo. Nesta localidade, a Xunta investiu ao longo do ano 2010 155.671 euros para a mellora e funcionamento do seu tecido comercial.
Neste sentido, destaca a achega realizada para o incentivo do asociacionismo, para o que o departamento autonómico destinou na localidade 69.526 euros, cos que se impulsan campañas de promoción, a publicidade, sinalización e a posta en marcha e potenciación de centros de compra.