Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora no acto de solidariedade con Libia celebrado hoxe en Lugo

Nota de prensa:
A Deputación colabora no acto de solidariedade con Libia celebrado hoxe en Lugo

– Un equipo da Fundación TIC gravou e prestou apoio técnico durante o desenvolvemento do acto, que incluiu proxeccións de imaxes, música e a lectura dun manifesto

– A participación neste evento dá continuidade ó importante labor que leva a cabo esta entidade na difusión do traballo das entidades sen ánimo de lucro da provincia

A Deputación de Lugo, a través da Fundación TIC, colaborou no acto de solidariedade con Libia, que se celebrou este venres na praza da Soidade da capital lucense. Un equipo formado por bolseiros e un técnico da Fundación TIC gravou e prestou asistencia ós organizadores do acto, que incluíu a proxección de imaxes, música e a lectura dun manifesto.

O apoio a esta iniciativa cidadán materializarase na edición dun vídeo, que os promotores da idea utilizarán durante a campaña de denuncia da situación que está atravesar o pobo libio e reivindicar a necesidade de axuda humanitaria.

Labor social e Inserción laboral

A participación neste evento solidario dá continuidade ó importante labor que está a levar a cabo a Fundación TIC na difusión do traballo das entidades sen ánimo de lucro da provincia. Ademais, coa gravación e a asistencia técnica durante o desenvolvemento do acto e a posterior edición do vídeo, o organismo dependente da Deputación contribúe á inserción laboral dos bolseiros, dándolles a oportunidade de adquirir experiencia profesional ó rematar os seus estudos na Escola de Imaxe e Son de Lugo.

Na actualidade, a Fundación TIC tamén difunde o labor de varias asociacións sen ánimo de lucro: Asociación Down Lugo, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Asociación “Raiolas”, Fundación UNICEF, Asociación Lucense de Xordos (ALUSOR), Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais (FEAFES), Asociación San Vicente de Paul, ANADE, ASPNAIS, Preescolar na Casa e Fundación Azkar.

Exit mobile version