Nota de prensa
A Deputación aproba novas obras na provincia por valor de 6 millóns de euros
– A Xunta de Goberno dá o visto e prace á Escola de Enxeñería Civil que permitirá cursar en Lugo as titulacións de Enxeñería de Obras Públicas e Topografia e adxudica as piscinas de Sarria e o campo de fútbol de Foz
– A Deputación asume a contratación dos operarios do Lugo Emprega de Lourenzá logo de que concluíse o prazo de 48 horas concedido ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós seleccionados
– O 7 beneficiarios comezarán a traballar a finais da semana que vén. A Deputación enviou hoxe un escrito ós Concellos limítrofes para que comuniquen a súa admisión
– Logo de 2 anos de Feijóo como Presidente, Antonio Gato asegura que “este é o goberno da Xunta máis incompetente que tivo a Comunidade. Barreiro tiña que estar preocupado porque Raquel impulsa pero non tira, e o presidente do PP en Lugo anda ó que anda. Con Feijóo, Lugo e Galicia perden”
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres novas actuacións na provincia por valor de 6 millóns de euros. Trátase da contratación da Escola de Enxeñería Civil, que conta cun investimento de 3.840.000 euros e cuxo proxecto foi adxudicado a P02 Arquitectos. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “cando a Universidade nos trasladou a importancia dunha escola destas características, aprobamos o proxecto polo trámite de urxencia porque tanto para a Deputación como para a Universidade é un edificio prioritario e queremos que sexa unha realidade canto antes”.
A obra será financiado ó 50% por ambas as dúas entidades. Será un edificio funcional, no que se poida prestar unha formación académica de calidade. Coa súa construción aumentamos a actividade universitaria. Logo da posta en funcionamento da UNED, agora a Deputación pon a disposición dos estudantes da provincia e de toda Galicia a posibilidade de cursar tamén en Lugo as carreiras de Enxeñería de Obras Publicas e Topografia.
Tamén se deu o visto e prace outras 5 actuacións nas que o organismo provincial inviste 2,1 millóns de euros. Na sesión de hoxe adxudicouse a piscina de Sarria, o campo de fútbol de Foz, e aprobouse a contratación do contorno da igrexa da parroquia de Santa María e o axardinamento na avenida Arcadio Pardiñas, en Burela, así como da pavimentación dende San Roque á fábrica de cerámica en Portomarín. As catro primeiras inclúense dentro do fondo complementario de 9,5 millóns de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública. A obra de Portomarín pertence ó canon do ano 2010.
A Deputación contrata os traballadores de Lourenzá
A Xunta de Goberno aprobou, fóra da Orde do Día e con carácter de urxencia, a rescisión do convenio de adhesión ó programa Lugo Emprega do Concello de Lourenzá, así como a proposta para contratación dos 7 traballadores que superaron o proceso selectivo. A Deputación tomou esta acordo logo de que concluíse o prazo de 48 horas concedido polo organismo provincial ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós operarios seleccionados. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “foi a única excepción entre todos os Alcaldes de provincia, xa que logo de asinar o convenio de adhesión, non quixo contratar ás persoas que pasaron o proceso selectivo e que, por tanto, teñen uns dereitos adquiridos”.
Ante a ausencia de resposta, a Deputación decidiu reorientar os benefeciarios ós Concellos limítrofes co obxectivo de que os seleccionados comecen a traballar canto antes. Neste senso, hoxe enviouse un escrito ós municipios de Barreiros, Trabada, Foz, Mondoñedo e Riotorto para que no prazo de 48 horas comuniquen a súa decisión sobre a posible admisión dos beneficiarios.
Tendo en conta esta situación, Antonio Gato anunciou que a finais da vindeira semana os 7 seleccionados estarán a pleno rendemento. Para a súa redistribución seguiranse os mesmos criterios que foron empregados para a elaboración do Plan: a proporcionalidade e o núemro de habitantes. Asimesmo, Gato Soengas lembroulle ó Alcalde de Lourenzá que o proceso selectivo foi realizado conforme ás bases da convocatoria do Plan Lugo Emprega publicadas no Boletín Oficial da Provincia e aprobadas polo Pleno en decembro e respaldadas por 66 Concellos -todos os do PP agás o de Incio- que voluntarimente decidiron adherirse ó programa, a pesar de que José Manuel Barreiro ordease votar en contra do Pleno provincial, polo que o respaldo e a legalidade das bases están fóra de toda dúbida. Neste senso, recomendoulle “ó señor Vidal e ó señor Barreiro que fagan o posible por convencer a Feijóo de que aumente os recursos destinados ó plan de cooperación e que deixen de poñer chinas no camiño. A vindeira semana teremos resolto este asunto”.
Actuacións na Terra Chá e nas Reservas da Biosfera
Aprobouse por valor de 325.000 euros a contratación para a posta en marcha dun programa integral do complexo húmido da Terra Chá e para a elaboración dun plan de acción para mellorar o uso e a xestión dos recursos existentes nas Reservas da Biosfera de Ancares e Terra do Miño. Deste xeito, a Deputación comeza a desenvolver o convenio que subscrito co Ministerio de Medio ambiente, dotado con 1.175.000 euros, dos que o organismo provincial financia un terzo do orzamento total, é dicir, 391.667 euros. “Esta actuación súmase a outras que xa puxemos en marcha e coas que demostramos que o medio ambiente é a opurtunidade económica da provincia. Podemos dicir que este é un segundo Lug02”, engadiu Antonio Gato.
No marco deste convenio, ademais do complexo húmido da Terra Chá, que incluirá actividades de conservación e mellora do ecosistema fluvial, así como actividades de diagnose e avaliación do estado dos ríos, levaranse a cabo actuacións concretas nas dúas Reservas da Biosfera. Deste xeito, polo que respecta á de Terras do Miño inclúese a elaboración da exposición “Paisaxes de Auga” para dotar a Aula de Interpretación da Natureza que o organismo provincial puxo en marcha en Guitiriz. Esta mostra estará formada por fotografías cun mínimo de 40 imaxes da zona Parga-Ladra-Támoga. No caso de Ancares, estableceranse diferentes medidas para protexer os elementos naturais e conseguir a recuperación de zonas degradadas, priorizando aquelas que requiran unha intervención urxente e específica. O Ministerio mantén convenios de colaboración coma este con 5 Reservas que están xestionadas por Comunidades Autónomas e 13 por Concellos. Dende 2007 a 2009 o número de acordos ascende a 39. Lugo é unha das provincias que conta con maior número de Reservas da Biosfera en España e está á cabeza en Galicia. A de Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia, no ano 2002, e é a segunda máis grande da Península Ibérica.
Ecuador do mandato de Feijóo
O voceiro provincial socialista tamén se referiu ós dous anos de goberno que Feijóo leva como Presidente da Xunta de Galicia. Para Antonio Gato, o responsable do Executivo Galego “non fixo absolutamente nada polo emprego, mentres a Deputación co Lugo Emprega e outras iniciativas dará traballo a 1.400 persoas. A Xunta reduciu os recursos na provincia en 3 millóns de euros, polo que é evidente que aumentou o paro cun incremento de case o 13%. Non pode ser doutra maneira porque non se destinan recursos públicos á contratación de traballadores e á inversión en obra pública, o que favorece o mantemento de postos de traballo”.
A licitación da Xunta nesta materia caeu no mes de xaneiro nun 24%, “polo que menos mal que a Deputación de Lugo copa o 53,3% das inversión da provincia tal e como subliña a APEC. Feijóo veu a falar do Plan Impulsa. Andaba dona Raquel Arias por aí adiante impulsando o Impulsa, pero resulta que quedou nun impulsa porque non sabemos nin de empresas nin de proxectos que estén avalados por esta iniciativa”. Sobre o prezo do polígono das Gándaras, Antonio Gato indicou que “é verdade que estas infraestruturas saen a prezo de coste pero hai mecanismos para rebaixar dende as administracións a compra de terreos e evitar que este sexa o quinto máis caro de Galicia”.
Por outra banda, destacou que “ nada soubemos do Presidente para a construción do Centro de Recría. O certo é que non temos moita esperanza, dado que a Xunta se negou a investir 23 millóns de euros que debía aportar con fondos propios ó medio rural. Ademais hai varios Concellos que non teñen feitas as obras do PEIM de 2009, aínda que os cartos están en Santiago dende ese ano. Esto é o de Feijóo con Lugo. Barreiro tiña que estar preocupado porque Raquel impulsa pero non tira, pero o presidente do PP nin impulsa, nin tira, nin outra cousa. Anda ó que anda e, como consecuencia, con Feijóo Lugo e Galicia perden. Este goberno autonómico pasa por ser o máis incompetente que tivemos na nosa Comunidade”.