NOTA DE PRENSA
ARMADA CRE QUE A ACTITUDE DO BNG E DO PSOE NO TEMA DA CESIÓN DOS LOCAIS DA CASA DO MAR FOMENTA A DISCRIMINACIÓN DA XENTE MARIÑEIRA DE SAN CIPRIÁN RESPECTO DOUTRAS VILAS
* Lembra que noutras localidades da comarca estanse a usar as Casas do Mar por Concellos e colectivos sen tantos requisitos como se lle pide a Cervo
* Para a concelleira de Asuntos Sociais nacionalistas e socialistas deberían estar ao servizo dos veciños en lugar de facer política partidista neste asunto
* A edil cervense reiterou que o único que desexa o Concello da Tesourería Xeral da Seguridade Social é unha firma que autorice a cesión e utilización legal dos locais da Casa do Mar
Cervo, 4 de marzo de 2011.- A concelleira de Benestar e Servizos Sociais do Concello de Cervo, Pilar Armada, dixo hoxe estar sorprendida polo comportamento dos representantes públicos da oposición en Cervo en relación ás xestións feitas polo Grupo de Goberno local para conseguir que os locais baleiros da Casa do Mar de San Ciprián podan ser utilizados pola veciñanza deste municipio. Para Armada, nacionalistas e socialistas deberían estar ao servizo dos veciños “en lugar de facer política partidista neste asunto a pesar de estar na oposición”.
Na súa opinión, o proceder do Goberno do Estado con respecto a esta petición formulada polo Concello é algo que non se entende. “Son locais que levan pechados máis de dous anos e que reclamamos pola canle regulamentaria ó Goberno Central; o cal, nos está dando largas como resposta, impedindo así a súa utilización. E o que é aínda máis sangrante:impedindo por extensión ese uso aos veciños e colectivos do noso municipio que teñen manifestado o seu desexo de utilizar estas instalacións en innumerables ocasións” sentenciou Armada.
A responsable da área de asuntos sociais de Cervo reiterou que o único que desexa o Concello da Tesourería Xeral da Seguridade Social é unha firma que autorice a cesión e utilización legal dos locais da Casa do Mar “e para nada lles estamos a pedir cartos” recalcou. “Eu pregúntome: ¿Que diferencia temos con Foz, Viveiro ou Burela; que tamén teñen edificios da Casa do Mar que están sendo usados sen tantos requisitos como se nos pide a nós? Eu penso que é porque somos nós única e exclusivamente. Penso que para estes señores do PSOE debe haber xente mariñeira de primeira e de segunda, e polo que parece, eles creen que somos de segunda, porque como dixen antes, somos nós aos únicos aos que se nos nega algo que noutras localidades si permiten” incidiu Armada.
Ao fío disto cualificou como vergoñento o comportamento da oposición neste asunto. “É vergonzoso que representantes do PSOE e do Bloque permitan que estes locais sigan pechados e que non se poñan ó servizo do pobo; e lles recordamos que nós sempre estamos e estaremos ao lado dos nosos veciños” dixo. Por último, a concelleira popular cervense confiou en que este conflito se poda solucionar nun futuro non moi afastado grazas ao previsible cambio de Goberno do Estado. “Afortunadamente esta situación logo vai cambiar, porque polo que parece ao actual Goberno Central lle quedan dous días, e será a partir dese momento cando poda haber xustiza para a vila de San Ciprián e para o concello de Cervo e estes locais se poderán destinar ao uso de tódolos cervenses”.