Nota de prensa
O GRUPO GAÑADOR DE “MÚSICA XOVE” GRAVARÁ UN DISCO EN SOLITARIO E 4 FINALISTAS, UN COMPARTIDO
O delegado de Cultura e Deporte anunciou que ven de aprobarse o expediente de contratación para a realización deste proxecto por valor de 50.000 euros
LUGO, 11 de marzo de 2011. O delegado de Cultura e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, deu conta hoxe na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo de que ven de a, promovido pola Área de Xuventude, por un importe de 50.000 euros.
Antonio Veiga informou de que “son 42.372,88 euros e 7.627,12 euros en concepto de IVE, que se destinaron a un certame de música de estilo pop-rock. O proxecto, que comezou no 2010 e rematou no 2011, contemplaba que os grupos que quixeran participar en Música Xove se presentaran ata o pasado mes de decembro nos centros de ensaio de Monforte de Lemos, Ribadeo, Ribas de Sil e Viveiro”. Estes locais, como explicou Veiga, “foron feitos pola anterior Dirección Xeral de Xuventude do goberno bipartito, que aproveitou locais vellos ou creounos novos para que reactivar ese sector musical e que os grupos tiveran un lugar para ensaiar”.
O delegado explicou que “se presentaron un total de 14 grupos, dos cales se admitiron 9, e as condicións eran ter o seu domicilio na provincia de Lugo e non ter máis de 30 anos no momento da preinscrición”. “O gañador gravará un disco en solitario, do que se editarán 1000 copias, e 4 finalistas gravarán un compartido, editándose deste outras 1000 copias”, anunciou Veiga. O delegado comentou que “dende a Área de Xuventude quíxose dar resposta á demanda de atención dos grupos do eido do pop e do rock, xa que na provincia hai un bo número deles”.
Por outra banda, corrixiuse un erro nas bases que rexerán a oferta dunha bolsa formativa en materia de xestión administrativa no eido cultural e dunha bolsa formativa en materia de xestión de instalacións no eido do deporte para a Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo no ano 2011. Nos requisitos dos aspirantes á Bolsa en materia de Xestión Administrativa no eido Deportivo, debe incluírse ter cursado e superado a licenciatura en Educación Física.