Nota de prensa
14 campións nacionais de surf promocionarán a Mariña esta fin de semana
– A campiona e subcampiona en España de surf, a asturiana Lucía Martiño e a galega Erika Franco respectivamente, sumáronse esta semana ó “Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo”
– Hoteis de Ribadeo e Foz presentan un índice de ocupación do 75% de cara á fin de semana
– Representantes da Federación Española de Surf e persoas de toda España xa confirmaron a súa asistencia, mentres que máis de 200 internautas sitúan o evento entre os seus espazos favoritos na Rede
– Besteiro recalca que “o importante é que se fale e se visite a Mariña tamén no inverno”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recalcou que “o importante é que se fale e se visite a Mariña tamén no inverno”. Deste xeito, para garantir a máxima participación no evento, o organismo provincial deseñou un programa con actividades dirixidas a persoas de todas as idades e totalmente gratuíto, que comezará a desenvolverse mañá, ás 18:00 horas, coa presentación do evento e dos participantes no Hotel Fogar do Mariñeiro de Ribadeo por parte da Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez.
Logo de coñecer a situación do mar, a praia Fontela Balea no Concello de Barreiro, tamén chamada como “Oliñas de Mar” polos surfeiros debido o seu oleaxe, será o escenario da “Expression Session”, 1º actividade do sábado 12, que se iniciará ás 10:00 horas da mañá. Trátase dunha demostración de surf buscando os xiros máis espectaculares na que participarán os profesionais, así como todas as persoas que o desexen.
Ese mesmo sábado, ás 14:00 horas, os surfeiros farán unha visita para promocionar a Praia das Catedrais –o segundo lugar máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago-, e ás 17:00 horas realizarán un treito do Camiño da Costa partindo dende a Illa Pancha co fin de apoiar á Deputación no recoñecemento desta ruta peregrina. Ás 18:30 horas, chegará o momento da demostración de wake-surf nocturno na ría de Ribadeo para, as 21:30 horas, entregar os galardóns da exhibición de surf e dar paso a unha festa surfera no local Ribazo de Ribadeo con proxección de vídeos da costa luguesa.
O domingo, 13 de marzo, a praia da Rapadoira de Foz será escenario dunha nova sesión de surf a partir das 12:00 da mañá e ata o mediodía. Todos os interesados en participar que non dispoñan de equipamento, poderán reservalo de xeito gratuíto chamando con antelación ó 982-120-064.
Para estar puntualmente informado do desenvolvemento do encontro só é preciso entrar no espazo km0surfcamp.deputacionlugo.org. ou na rede social máis popular en España, www.facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo.
70% de ocupación hoteleira
No evento estarán representantes da Federación Española de Surf, é o caso de Hector Tango. Ademais, persoas das 4 provincias galegas, así como de Madrid ou Estremadura xa confirmaron a súa asistencia. O espazo de facebook recibiu centos de visitas, deste xeito máis de 200 internautas sitúan o Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo entre as súas páxinas web favoritas. A día de hoxe, hoteis de Ribadeo e Foz xa presentan un índice de ocupación hoteleira do 70% de cara á fin de semana. Por exemplo, o Minorte ten o 70% das súas prazas cubertas e o Cabazo o 80%. Os surfistas chegarán acompañados de blogueiros e prensa especializada, polo que a promoción da Mariña está asegurada. Deste xeito, xa confirmaron a súa asistencia 3 dos fotógrafos especilazados en realizan imaxes dentro do mar máis coñecidos en España: Juan Fernández, José Haya e Fedric Arros.