Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS INFORMA AOS ALCALDES QUE O ENLACE DA N-634 COA A-8
A TRAVÉS DA LU-153 FOI DECIDIDO UNILATERALMENTE POLO MINISTERIO DE FOMENTO, SEN RESPECTAR O ACORDADO COA XUNTA
* O executivo autonómico insta a Fomento a que retome o deseño consensuado para o enlace provisional da A-8 en Lourenzá a fin de non impedir o tránsito e a mobilidade dos usuarios habituais da LU-153
* No día de hoxe remitiuse comunicación dende o Departamento Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo ao Ministerio dando conta desta situación
A Xunta instou ao Ministerio de Fomento a recuperar o proxecto de enlace provisional da estrada N-634 coa A-8 en Lourenzá -a través da LU-153- que fora consensuado entre ambas institucións antes da posta en marcha do tramo, recuperando o carril eliminado no vial de conexión, habilitando a posibilidade do xiro á dereita no acceso da A-8 á estrada autonómica e procedendo á oportuna sinalización da saída cara a Alfoz e O Valadouro. Estas modificacións evitarían aos usuarios un rodeo de case 5 quilómetros.
Así o expuxo a delegada territorial, Raquel Arias, nunha reunión cos alcaldes afectados pola actuación, cos que coincidiu en que “resulta indispensable ofrecer unha resposta á vista dos numerosos problemas que causa a solución adoptada unilateralmente polo ministerio”.
Na xuntanza estiveron presentes os alcaldes de Lourenzá, Vidal Martínez Sierra; Alfoz, Emilio Lousas, e O Valadouro, Eulogio Fernández, entre outros representantes municipais. Por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acudiron tamén o xefe territorial, José María López Vega, e o xefe do Servizo de Infraestruturas, Gerardo Pallares.
A delegada explicoulles que, de acordo cos informes elaborados polos técnicos da consellería, a alternativa acordada en primeira instancia “era a máis axeitada, tendo en conta as intensidades de tráfico que rexistra a zona e especialmente os puntos nos que se ve afectada a estrada de titularidade autonómica LU-153”, que une Lourenzá e Masma (Mondoñedo).
O Departamento Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo remitiu unha comunicación ao Ministerio dando conta da situación e propoñendo a recuperación do proxecto anterior, que non contemplaba a polémica solución adoptada finalmente, a eliminación do carril esquerdo da LU-153 (en sentido Lourenzá), que está a provocar as queixas dos veciños e dos usuarios da estrada autonómica.
Así mesmo, informou aos asistentes das posibles alternativas suxeridas a Fomento polo Servizo de Infraestruturas da Delegación Territorial, que pasan por retomar a proposta inicial, sobre a premisa de que a situación actual “afecta gravemente aos usuarios da estrada autonómica, complicando especialmente o acceso aos veciños e veciñas da zona”.
Para elo sería necesario, segundo precisou a delegada, modificar a sinalización horizontal e vertical levada a cabo no punto de conexión, “e adoptar dúas medidas que, sen comprometer a seguridade do tráfico, evitarían os actuais problemas de mobilidade dos usuarios”.
A primeira pasa, explicou, por ampliar a visibilidade despexando e actuando sobre o noiro existente, e a segunda consiste en volver a dar prioridade ao tráfico que circula pola LU -153 fronte aos da N-634, que en todo caso practicamente se ven obrigados a deterse debido aos elementos redutores de velocidade instalados.
Arias confía en que o Ministerio sexa receptivo á proposta da Xunta, “que en realidade é a que nun primeiro momento se vía por parte de todos como a máis apropiada e que respecta os criterios de seguridade viaria á vez que atende o interese dos usuarios e dos veciños e veciñas afectados”.